Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Estes son os cortes ao tráfico de mañá en Vilagarcía polo inicio das festas

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Resultarán afectadas as rúas Juan Carlos I e o acceso á praza de España

10 ago 2023 . Actualizado a las 16:14 h.

Os actos principais de inicio das festas de San Roque de Vilagarcía, a lectura do pregón e a ofrenda floral ao patrón, obrigan a cortar mañá pola tarde o tráfico nalgunhas rúas da cidade. A avenida Juan Carlos I e o acceso á praza de España serán as vías que se pecharán ao paso de vehículos a partir das 20.15 horas do venres 11 de agosto. Ademais, os estacionamentos das rúas polas que discorrerá a comitiva deberán quedar despexados por completo a partir das 18 horas.

A lectura do pregón dende o balcón de Ravella comezará ás 20.30 horas, polo que a policía local informa de que a avenida Juan Carlos I pecharase ao paso de vehículos a partir das 20.15 horas dende a estación de servizo de San Roque e ata a confluencia da avenida Rosalía de Castro coa rúa Colón. En cada punto de corte haberá un axente que, se as circunstancias o permiten, autorizará o acceso a garaxes aos vehículos que non precisen chegar ata a praza de Ravella, onde se congrega o público para asistir ao pregón que ofrecerá María Foscaldo (Virtudes a repunante). Os usuarios de vaos e os residentes no barrio de Os Duráns deberán dirixirse pola avenida Rosalía de Castro e posteriormente por López Ballesteros.

Unha vez rematado o pregón, a comitiva desprazarase a pé ata a praza de España para proceder á ofrenda floral, cuxo inicio está previsto para as 21 horas. O percorrido discorrerá polas zonas peonís dos xardíns de Ravella, rúa Ramón y Cajal, praza de Galicia, rúa Castelao, Xeneral Pardiñas e Covadonga para rematar ante a igrexa de Santa Baia de Arealonga, na praza de España. O acceso rodado a este último espazo cortarase minutos antes do inicio do acto dende a intersección da avenida do Doutor Tourón coas rúas Fariña Ferreño e Alejandro Cerecedo e permanecerá pechado ao tráfico ata o remate da ofrenda, segundo informa o Concello.