O Concello intervén na Lomba para recuperar o céspede, con queixas do Atlético Arousana

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O presidente da Fundación Municipal de Deportes, Carlos Coira, advirte da urxencia das melloras aplicadas esta semana para evitar que o terreo acabe por ser impracticable en xaneiro

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía e a directiva do Arousa coincidían a comezos desta semana na necesidade de tentar recuperar da mellor das maneiras posibles o calamitoso estado do céspede da Lomba tras o castigo sufrido por un mes enteiro de chuvia sen tregua e dos partidos disputados no campo municipal durante ese tempo polo Arousa e polo Atlético Arousana. Esta semana, tras conseguir a cesión da maquinaria especializada da que dispón a Deputación de Pontevedra, procedeuse a picar e arear o firme da Lomba, o xoves, e onte a resementar e aboar o seu céspede.

O Atlético Arousana fixo público o seu malestar por ter que trasladar este domingo o seu encontro de Liga de Primeira Galicia ao Municipal de Vilaxoán. Fíxoo sinalando que «los arreglos que en las últimas temporadas se han hecho en A Lomba casualmente siempre afectan a nuestro club, lo que también acarrea una pérdida económica por cantina, entradas...» Unha reflexión que leva a directiva do Arousana a esta petición: «Esperamos que las cosas se hagan de otra forma y que temas sensibles como la igualdad, en este caso en la toma de decisiones, no sea una mera pancarta».

Desde a Fundación Municipal de Deportes o seu presidente, Carlos Coira, lamentou onte os prexuízos que a medida lle poida ocasionar ao Arousana, pero sinalou que «se non facemos unha actuación rápida o campo pode quedar mal para toda a temporada». Coira informou de que o Arousa tamén trasladará o seu partido da vindeira semana contra a U.D. Ourense a Vilaxoán, o sábado 2 de decembro.