«Bueno carallo bueno» xa está na sala Rivas Briones de Vilagarcía
VILAGARCÍA DE AROUSA
A exposición combina o talento do artista José Freixanes co do escritor e xornalista Alberto Avendaño
20 ene 2024 . Actualizado a las 14:22 h.A sala municipal Antón Rivas Briones acolle dende onte a primeira exposición deste ano 2024. Trátase de «Bueno Carallo Bueno», a orixinal proposta pictórica-poética que presentan o artista José Freixanes e o escritor e xornalista Alberto Avendaño. A mostra, que xurde do libro do mesmo título no que os dous creadores plasmaron a súa primeira colaboración, inaugurouse onte pola tarde e e poderá visitarse ata o día 25 de febreiro. Os horarios serán de luns a sábado de 10.30 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00.
A exposición Bueno Carallo Bueno consta de 39 pinturas de distintos formatos e técnicas do artista plástico, ás que acompañan a poesía de Avendaño, inspirada na tradición xaponesa, pois estrutura os seus versos en haikus e tankas propios da cultura nipona.
José Freixanes (Pontevedra, 1953) é membro do Grupo Atlántica e na actualidade imparte clases na Facultade de Belas Artes de Granada. Pola súa banda, Alberto Avendaño (Vigo, 1957) é un escritor e recoñecido xornalista, membro fundador do Colectivo de Comunicación Poética Rompente. Afincado en Vilagarcía dende hai uns anos, foi profesor da John Hopkins University e director da edición en español do xornal The Washington Post. Recentemente foi nomeado membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española.
Coñécense dende hai anos e esta colaboración xurdíu cando Avendaño regresou a Galicia para asentarse en Vilagasrcía tras deixar o xornal estadounidense. No mes de novembro do ano pasado o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, recibiu o Concello a Alberto Avendaño. e intercambiáronse agasallos. O alcalde entregou ao xornalista o libro A Farsa de Carril: Unha Danza de Espadas histórica, obra de Carlos Rey e Cristian Silva editada polo Concello e recibiu un exemplar de Bueno carallo bueno.