Manuel Parada e Rebeca Muñoz gañan a 3H Resistencia Vilagarcía
VILAGARCÍA DE AROUSA
O club organizador, o Arousa Bike BTT, entregoulle un cheque de 3.000 euros á Fundación Andrea
11 feb 2024 . Actualizado a las 23:10 h.A primeira edición da 3H Resistencia Vilagarcía deixou onte un gran sabor de boca. Entre os 310 ciclistas que participaron na quinta e derradeira proba da Copa Galicia 3H Resistencia. Entre a organización, a cargo do Arousa Bike BTT no seu primeiro ano de existencia. E entre os algo máis de medio milleiro de afeccionados e curiosos que se achegaron ata a contorna do encoro do Con, no lugar de Castroagudín, atrevéndose a retar un tempo que, finalmente, decidiu colaborar e darlle tregua aos bikers durante a maior parte das tres horas que, como indica o propio nome da proba, tiveron que tirar de pedais.
A derradeira proba da Copa Galicia 3H Resistencia acabou confirmando os tres ciclistas que lideraban as categorías raíñas. Nas elite e absoluta femininas, con Desiree Fernández, do RSBike Boiro C.C., á fronte, na elite masculina, con Iván Pereira, do Club de Montaña Xesteiras, á fronte, e na absoluta masculina, co compañeiro de club deste último Manuel Ángel Parada Folgar gañando a xeral autonómica coa súa terceira vitoria consecutiva; onte, por diante do seu tamén compañeiro de licra Daniel García —o podio absoluto en Vilagarcía completouno Iván Pereira—.
No encoro do Con, Pereira tivo que aplicarse para superar a toda unha ex estrela e hoxe lenda do tríatlon, Iván Raña, que competindo polo Tambre Bike C.C. rematou segundo na categoría elite masculina. Desiree Fernández gañou na elite feminina, con Andrea Escudeiro, do C.C. Ribadumia Bikescola segunda, pero non a absoluta feminina, con Rebeca Muñoz, do CDM Xesteiras, sendo a mellor muller da proba.
Fundación Andrea
A carreira ciclista contou cunha vertente solidaria. O Arousa Bike BTT entregoulle un cheque de 3.000 euros a representantes da Fundación Andrea, dedicada a apoiar economicamente a familiares que se teñen que desprazar en longas estadías a hospitais lonxe das súas casas para acompañar a nenos con enfermidades graves. O club vilagarcián destinou os 3.000 euros de axuda da Deputación de Pontevedra á carreira á compra das bolsas de avituallamento para os ciclistas á Fundación Andrea.