Vilagarcía oferta 56 prazas para que a rapazada de 5 a 15 anos participe nas carrozas de San Roque

Raquel Cocaño, S. G.

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIAN BAULDE

A inscrición é de balde e pode realizarse dende hoxe ata o 7 de agosto cun único requisito, que os participantes vaian vestidos acorde coa temática de cada vehículo

22 jul 2024 . Actualizado a las 12:32 h.

A Concellería de Cultura de Vilagarcía abriu hoxe o período de inscrición para participar no desfile de carrozas co que tradicionalmente se pechan as festas de San Roque. O Concello dispón de 56 prazas, a repartir nos catro vehículos municipais, que poderán ser cubertas por nenos e nenas de entre 5 e 15 anos. O único requisito para participar a bordo das carrozas é que a rapazada vaia vestida acorde coa temática de cada unha delas.

Os interesados deben presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica do Concello ou no Rexistro Xeral, neste caso, de luns a venres e de 8.30 a 13.45 horas. O prazo remata o 7 de agosto. O formulario para anotarse pode obterse da sede electrónica ou o do taboleiro do anuncio da web www.vilagarcia.gal. A admisión realizarase por orde de inscrición, ao igual que a asignación a cada carroza. A lista cos rapaces admitidos publicarase a partir do 14 de agosto na sede electrónica, na web municipal e no taboleiro da Concellería de Cultura.

O desfile de carrozas, tamén denominado Batalla de Flores, celebrarase este ano o domingo, 25 de agosto, a partir das 21.30 horas. Como en anos anteriores, a Concellería de Cultura abre este tradicional evento a todos nenos e nenas que o desexen, de xeito que poidan ir nas carrozas e non só aqueles que forman parte dunha das sociedades ou asociacións que dispoñen de vehículo para os seus socios.