Unha multinacional chinesa da visibilidade mundial a Catoira co videoxogo «Viking Rise»
VILAGARCÍA DE AROUSA
A Romaría Vikinga promociónase de maneira inernacional en quince idiomas nas diferentes plataformas e nas redes sociais do xogo en liña, que acumula xa dez millóns de descargas
01 ago 2024 . Actualizado a las 20:35 h.Catoira e a súa Romaría Vikinga están a ser protagonistas do videoxogo Viking Rise, un xogo en liña de temática vikinga que acumula máis de dez millóns de descargas a nivel mundial. En concreto, a festa xa foi promocionada en quince idiomas de maneira internacional durante o mes de xullo pola multinacional IGG, a segunda empresa de desenvolvemento de videoxogos máis grande de China, que está a patrocinar a celebración galega a través de todas as plataformas web nas que está presente e tamén nas redes sociais do xogo, acadando millóns de visualizacións e impactos entre persoas interesadas no mundo vikingo. Nos vindeiros meses tamén difundirá un audiovisual con imaxes reais gravadas no desembarco deste ano.
Toda a información sobre Catoira e a súa celebración vikinga estivo dispoñible nunha «landing page» cun evento especial no xogo de simulación. Esta información traduciuse a todos os idiomas nos que está dispoñible —inglés, francés, alemán, español, portugués, italiano, chinés, xaponés, vietnamita, árabe, indonesio, ruso, tailandés, turco e coreano— e era accesible para todas as persoas que entrasen a xogar.
As tribos e alianzas tiñan que competir por ver cales eran as máis fortes e o premio para as gañadoras era unha homenaxe nun dos drakkar que participarán na Romaría Vikinga, o Frederikssund: os escudos que levará o barco o 4 de agosto serán os nomes das tribos vencedoras, algo que será gravado por un videógrafo e que será tamén difundido nas redes do Viking Rise a nivel global.
Ata o de agora, as redes do videoxogo xa teñen recollido tamén diferentes publicacións nas que se informa da colaboración entre a multinacional chinesa e o Concello de Catoira. Nelas explican que a Romaría Vikinga está a piques de comezar e convidan a participar.
Sinalan nas redes que, toda vez que se conmemora o papel que desempeñou o municipio de Catoira na defensa de Galicia contra os ataques viquingos, «curiosamente, aínda que os vikingos foron os antagonistas do conflito, a maioría das persoas participantes no festival deléitanse interpretando papeis de vikingos. Tamén é a razón pola que as recreacións non presentan escenas da resistencia local nin da feroz defensa da fortaleza».
Dende o Concello amosan a súa satisfacción pola implicación da multinacional chinesa na romaría, non só achegando fondos de maneira directa a través dun patrocinio, senón tamén facendo publicidade da cita festiva local de maneira continuada. «Para Catoira, esta colaboración supón unha visibilidade mundial. Unha persoa á que lle guste ou estea interesada no mundo vikingo, xa estea en Nova Iorque ou nas nosas antípodas, pode coñecer e interesarse polo que aquí organizamos en Catoira. Chegamos a público obxectivo a nivel mundial», apunta o concelleiro de Cultura Raúl Gómez.
O videoxogo Viking Rise conta con pouco máis dun ano de vida, pois se lanzou en abril do 2023, e xa ten a nivel global máis de 10 millóns de descargas en diferentes plataformas. Actualmente, IGG está a colaborar tamén coa serie Vikings: Valhalla, a secuela da aclamada serie Vikings, da que se incluíron personaxes dentro do xogo.
A cambio da súa promoción da Romaría Vikinga, Viking Rise terá estandartes no camiño ao desembarco co QR de descarga ao xogo, o Frederikssund terá tamén a imaxe no seu velame e incluirá os escudos das tribos gañadoras. Ademais, todos os materiais gráficos da festa levarán tamén o logo polo acordo de patrocinio. Unha vez finalizada a romaría, IGG publicará o vídeo do desembarco nas redes sociais e sorterará unha tablet entre todas as persoas que compartan o vídeo e etiqueten a persoas amigas na publicación.