O alumnado de Labora Xove comeza as prácticas colaborando na praia e en instalacións solares
VILAGARCÍA DE AROUSA

Desenvolve o seu servizo nas praias da Compostela e O Campanario, en Bamio, prestando apoio ao servizo de socorrismo contratado polo Concello de Vilagarcía
11 ago 2024 . Actualizado a las 20:34 h.O alumnado das especialidades de socorrismo acuático e enerxías renovables do obradoiro Labora Xove 2023 vén de iniciar en Vilagarcía o seu período de formación en obra mediante a realización de obras e servizos.
Na especialidade de socorrismo acuático, o alumnado desenvolve o seu servizo nas praias da Compostela e O Campanario, en Bamio, prestando apoio ao servizo de socorrismo contratado polo Concello de Vilagarcía para dar cobertura a estes dous areais durante todo o verán. Nestes meses poderán aprender como se organiza o traballo, cales son as principais funcións dos socorristas e tamén poderán ver, en primeira persoa, cales son as principais incidencias coas que se atopan os salvavidas no seu día a día.
O alumnado da modalidade de enerxías renovables, pola súa parte, iniciou o proceso de execución dunha instalación solar fotovoltaica completa no edificio da Casa Consistorial. Con esta obra, os alumnos acadarán unha completa experiencia laboral que inclúe todas as fases de execución dunha intervención destas características, dende a recepción do material, reconsiderado segundo as indicacións do proxecto, instalación de soportes e placas solares, instalación eléctrica e posta en funcionamento.