O parque Irmáns Dios Mosquera sofre actos vandálicos nos seus aseos públicos
VILAGARCÍA DE AROUSA
O Concello pide aos usuarios que sexan respectuosos cos espazos públicos para que poidan ser empregados con normalidade por veciños e visitantes
12 ago 2024 . Actualizado a las 15:37 h.Nas últimas semanas e de forma repetitiva véñense detectando accións de mal uso dos baños públicos do parque Irmáns Dios Mosquera, chegando a cegar e atascar os inodoros cos rolos de papel hixiénico, manchando con feces as tapas dos WC e baleirando o contido das papeleiras polo chan. Dito espazo, en Valga, é unha das zonas máis verdes e de lecer máis importantes do Concello e frecuentada por veciños e visitantes, especialmente agora, no verán, aproveitando as distintas zonas do parque para a práctica deportiva e actividades de esparexemento, para realizar comidas e merendas ou para xogar no parque infantil.
A maioría dos usuarios compórtanse de maneira cívica e respectando o lugar, mais unha minoría están a demostrar, de forma reiterada, comportamentos impropios de persoas civilizadas e respectuosas co patrimonio de todos os valgueses, causando danos, segundo aseguran dende o Concello. Esta situación afecta, especialmente, aos baños públicos que se habilitaron no parque.
O Concello pide aos usuarios do parque que respecten as instalacións e que as manteñan o máis limpas posibles por respecto ao resto de usuarios e veciños, e tamén da persoa que se encarga de realizar a limpeza. Ademais, fai fincapé en que os autores destes actos deben saber que non só están a prexudicar á administración, que se ve obrigada a destinar máis recursos económicos e de persoal ao mantemento do parque e dos baños, senón que os prexudicados son tamén os propios usuarios, que non poden facer uso dos aseos cando os precisan.
É por iso que o goberno local está a analizar as medidas a adoptar para tratar de acabar con estes actos. Entre elas estase a valorar a instalación de cámaras que permitan identificar ás persoas que causen danos nas instalacións públicas e castigalas coas sancións previstas nas ordenanzas.