Estas son as restricións de tráfico para a fin das festas de San Roque
VILAGARCÍA DE AROUSA
Chegar con antelación suficiente, dirixirse aos estacionamentos disuasorios, evitar o centro urbano, ter unha saída gradual e coidar dos nenos son os principais consellos emitidos polo goberno local
25 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Con motivo da coincidencia no mesmo día e de xeito case continuo do desfile de carrozas e do Combate Naval o domingo 25 de agosto, o Concello de Vilagarcía fai públicas unha serie de recomendacións para a circulación do tráfico rodado e para as persoas que acudan a pé a presenciar estes dous multitudinarios eventos cos que rematan as Festas de San Roque. Prégase que sigan o consellos e que se respecten as indicacións dos axentes da Policía Local e do persoal do Servizo Municipal de Emerxencias para que as celebracións discorran con maior fluidez.
Ás persoas que teñan que achegarse a Vilagarcía en coche para asistir a estes eventos recoméndaselles que cheguen coa antelación suficiente, eviten o acceso dende a avenida Rosalía de Castro e utilicen os estacionamentos periféricos: avenida de Cambados, O Piñeiriño, avenida Rodrigo de Mendoza (aparcamentos dianteiro e posterior de Fexdega e a Finca Douro), A Golpilleira, Marxión e rúa Santa Lucía, ademais dos párkings dos supermercados Pepco e Lidl (na avenida das Carolinas). Tamén se aconsella dende o Concello aos condutores que eviten acceder ao centro urbano, e aos vehículos en tránsito recoméndaselles empregar as vías de circunvalación (N-640 e VG-4.7).
A batalla de flores comezará ás 21 horas e percorrerá varias rúas do casco urbano da cidade, que permanecerán cortadas ao tráfico durante o paso do desfile e se irán abrindo progresivamente ao remate do mesmo. Neste horario tamén queda restrinxido o acceso e a saída de vehículos dos vaos permanentes.
O Combate Naval, que se pode presenciar desde as praias da Concha e de Compostela e todo o paseo marítimo de Carril, dará comezo ás 23.30 horas. Durante o transcurso do evento prevese o peche da avenida Rosalía de Castro, no tramo comprendido entre a glorieta do Ramal e a rúa San Xosé.
Tanto nos momentos previos como nos posteriores ao evento, prevese un fluxo importante de peóns cara o paseo marítimo dende Rosalía de Castro e tamén dende a avenida da Mariña, o que ralentizará a circulación de vehículos.
Debido á multitude de persoas que está previsto que se concentren nas rúas e na zona das praias para presenciar o desfile de carrozas e posteriormente o Combate Naval, recoméndase aos peóns manter sempre aos nenos á vista e lembrarlles que, no caso de perderse, poden dirixirse a calquera axente da policía. Ademais, aconséllase vixiar os elementos persoais nos momentos de aglomeración.
O plan previsto para o combate inclúe a prohibición de estacionamento de vehículos no frontal do parque da Concha, así coma na primeira calexa de Rosalía de Castro cara a praia, onde se colocarán os vehículos de asistencia sanitaria e emerxencias. A tal efecto foron colocadas barreiras con sinalización circunstancial de prohibido estacionamento.