O Cortegada pecha a pretemporada gañando o CPN luso (80-78)
VILAGARCÍA DE AROUSA
As de Álvaro Fernández estrearon a remodelación do Pavillón Municipal Sara Gómez
29 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cun gran sabor de boca pechou na noite de onte o Mariscos Antón Cortegada a pretemporada. Derrotando na prórroga o CPN de Portugal por 80-78, nun auténtico exercicio de entrega das pupilas de Álvaro Fernández, só 24 horas despois de perder un durísimo duelo co Maristas Coruña na final da Copa Galicia de LF2, no que o cadro vilagarcián gañaba de 13 puntos practicamente no final do terceiro cuarto.
Equipo moi físico, sustentado no poderío das súas dúas xogadoras americanas, o CPN foi quen de aguantar o tirón inicial do Mariscos Antón Cortegada, que anotou 25 puntos no primeiro cuarto, chegando a dispoñer dunha máxima vantaxe de 10.
As de Álvaro Fernández mantivéronse por diante no electrónico ata a falta de tres minutos para a conclusión do choque. O CPN conseguiu poñerse cinco arriba, pero o cadro local, arroupado por un bo número de afeccionados que se achegaron para ver, tamén, o resultado da longa remodelación do Pavillón Sara Gómez de Fontecarmoa, foi quen de levar o choque ao tempo suplementario tras o 71-71 co que remataron os 40 minutos regulamentarios.
O Cortegada, que anotara a última canastra, inda que tamén dispuxo dun derradeiro tiro fallado a 6 segundos da conclusión, fixo boa a máxima de que quen forza a prórroga acaba levando o partido. Fíxoo cunha canastra da súa nova directora de xogo, a base portuguesa Carolina Bernardeco, a medio minuto da finalización dos cinco minutos extra.
Con catro vitorias e o único lunar da Copa Galicia na pretemporada, o Cortegada mira xa cara a súa estrea na LF2 2024/25, o vindeiro sábado na casa co Ibaizabal.