Aí veñen os Defuntiños: «Morrer morreu, pero para morrer hai que estar vivo»
VILAGARCÍA DE AROUSA
A proximidade de Todos os Santos e a lembranza do alén fan aflorar a particular filosofía galega sobre a morte. Cambados e Vilagarcía abren os seus mercados das flores e comezan os actos do Samaín
29 oct 2024 . Actualizado a las 21:55 h.Conta atrás para a véspera de Todos os Santos e o Día de Defuntos en Galicia. Os camposantos reciben a súa anual posta a punto para lucir coma nunca e os mercados de flores agroman aquí e acolá. En Vilagarcía, por exemplo, onde unha carpa de xeneroso tamaño ficará ata o venres nunha das beiras da praza de abastos. A xornada de sol, logo dun inicio de outono pasado por auga, anima a xente a saír, ver e preguntar, co pensamento apuntando cara aos seus finados e a necesidade de lles facer unha pequena honra floral en chegando a fin de semana. «E logo non terás unha base cadrada para este centriño? É que se non non me entra na repisa do nicho», pregunta unha señora no posto dun dos seis invernadoiros que participan na atinada iniciativa comercial da capital arousá. Como se pode comprobar, a morte e a súa celebración serán transcendentes, pero non quita que as cuestións máis prosaicas sigan dando problemas.
A proximidade dunha data tan importante no calendario tradicional afina os caletres, sobre todo os dos máis veteranos, aqueles que aínda conservan a pegada e a filosofía que fixo desta esquina do mundo o que é, ou se cadra foi ao revés. Tanto ten. Reflexións coma esta, escoitada hai uns meses ás portas dun funeral, e repetida esta mañá por un home que conversaba cun compañeiro na entrada do mercado de flores, dan que pensar: «Claro que si, ho, morrer morreu, pero para morrer hai que estar vivo». Razóns que convencen, desas que de tan obvias pasan inadvertidas e resultan case impenetrables. Como aquilo que escribira Castelao sobre o absurdo de construír muros arredor dos cemiterios, tendo en conta que os que están dentro non poden saír e os que de momento seguen fóra tampouco non queren entrar.
É tempo de tallar calacús que, unha vez alumeados con candeas e colocados estratexicamente, arrepiarán aos valentes que se atrevan a botarse aos camiños en noites coma estas. De comer castañas con chourizos e ir probando o viño novo. Pero o conto é que ái veñen os Defuntos e cómpre dedicarlles sequera unhas flores nos seus leitos, limpos e ben aseados para a ocasión. En Vilagarcía, os crisantemos de colleita propia andan a un euro ou euro e medio. Os paquetes de margaridas van a seis, e un bo centro que combine eses crisantemos primeiros con algunha orquídea xeitosa pode chegar aos cincuenta, aínda que hai opcións moito máis baratas, mesmo pola metade. «Non está mal o día. Co bo tempo a xente baixa, aínda que por ser o primeiro hai quen só mira e tantea, pero aínda non compra», explica unha das floristas que atende un posto de bo tamaño. Entre elas —aquí están Lorena, Inés, Rosalía, Victoria, Mari Carmen e Rosana; os invernadoiros teñen nome de muller— hai opinións para todos os gustos. Dende quen sostén que este ano a flor vai cara ata quen cre que o prezo está máis ou menos aquelado, que de fóra veu pouco produto desta volta ou que concorda e di que pode ser, pero que ter ten calidade.
Tampouco non falta quen pasa polo mercado non para levar hoxe as flores, senón para encargalas e telas listas o xoves, mesmo o venres a primeira hora. Cumprido o compromiso coa parroquia dos finados, aínda quedará en Arousa unha última tradición que atender. Neste caso na Illa, onde os meniños sairán á rúa o 2 de novembro para pedir polos Defuntiños. Unha esmola con raíces que se adiviñan ancestrais e servirán para que os nenos e nenas coman doces e ghulichadas a fartar na memoria de quen foron xa para aló. E, de paso, facer felices aos dentistas. Nove de cada dez teñen que seguir traballando, e, ao cabo, a quen lle vai amargar un doce?. Antes, o xoves 31 celebrarán na Arousa un desfile que rematará con chocolatada e música e ofrecerán una visita guiada á exposición Constructo Variable Latente dun Instante cos autores Tina Otero, Isabel Ramírez e Manuel Muñoz, acompañados de Antón Sobral.
Unha moto de flores no mercado de Cambados
Como en Vilagarcía, Cambados abriu este martes tamén o mercado das flores que se organiza por Defuntos. Na praza de Fefiñáns instalouse unha carpa cunha vintena postos nos que se poden atopar gran variedade de motivos florais. Os crisantemos pequenos (boris) e as rosas seguen mandando nunha oferta que, cada vez é máis variada. O que máis chamaba a atención era unha motocicleta elaborada con flores que había no posto de Buceta. O ano pasado levaron dúas áncoras feitas en lembranza das vítimas dos naufraxios, doutra volta fixeron paxaros e na florería de Meis van probar este 2024 con propostas sobre rodas, con osos de peluche e con rosas tinguidas de azul que teñen moita aceptación entre o público, afirman.
O mercado de Fefiñáns estará aberto ata o día 31 en horario de 9 a 21 horas e os clientes atoparán prezos un pouco máis altos aos do ano pasado. Onte atopábanse boris a 1,40 euros a unidade, rosa a 2,50, e as plantas de crisantemo a 15 e 9 euros dependendo do tamaño.
Por outra banda, na vila do Albariño comezan este mércores os actos do Samaín coa saída, ás 20 horas da praza da Xuventude, da Santa Compaña Musical conformada pola Banda de música xuvenil, a Banda de Castrelo e todo aquel que queira sumarse á comitiva do terror, mellor vestidos para a ocasión. A música expandirase ata a praza Alfredo Brañas, haberá unha «tremebunda merenda» e conexión en directo coa Hora Galega da TVG.
A procesión das Caveiras de Catoira chegará ao monte
A Procesión das Caveiras de Catoira terá este ano o seu percorrido máis terrorífico, segundo informan desde o Concello, logo de redeseñar unha celebración que cumpre a súa edición número 24. A comitiva non só discorrerá polas rúas da vila, senón que tamén camiñará un pequeno treito por unha senda no monte «facendo máis real a sensación de ser case un desfile de ánimas», segundo indican desde o goberno local. A Escola Municipal de Teatro e a Banda de Música de Catoira completarán o cadro terrorífico.
Será este xoves 31 ás sete da tarde, con saída dende o pavillón de deportes. Dende alí, a rapazada e todas e todos os maiores que o desexen, como xa é tradicional, levarán as súas cabazas cunha luz no interior durante todo o percorrido. Para dar unha maior ambientación, o alumeado público das rúas polas que transcorrerá a peregrinación estará apagado.
O concelleiro de Cultura, Raúl Gómez, convida a nenos e maiores a participar caracterizadas ou disfrazados de personaxes propios do Samaín. «Temos unha conmemoración propia, nosa, e traballamos para potenciala. Agardamos que todas as novidades sexan ben recibidas e que pasemos unha tarde-noite aterradora e tamén con moitas risas», dixo, confirmando que as e os integrantes do goberno tomarán parte da velada.