O rexedor socialista fai balance do 2024, o seu noveno ano á fronte do goberno municipal
29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O 2024 esgota os seus últimos compases e o socialista Alberto Varela Paz (Vilagarcía, 1975), alcalde da cidade, asume a necesidade dunha mellora constante da súa xestión. O que non impide que faga un balance positivo.
—Un balance positivo?
—Estou convencido de que si. Se o medimos en cifras económicas, temos unha cidade con máis empresas e menos persoas paradas, a metade que cando chegamos ao goberno. É un ano no que se desbloquearon reivindicacións históricas, coma a nova biblioteca, a reforma do pavillón ou a rexeneración da praia. Seguimos sendo un referente en canto a modelo de cidade e políticas de mobilidade. E estamos camiño de desbloquear outros proxectos que nos farán seguir crecendo. Creo que Vilagarcía está a vivir un dos seus mellores momentos.
—De que se sente máis satisfeito?
—Falaría de tres cousas. Ter contribuído coas axudas que concede o Concello a que haxa unha situación de emprego na nosa cidade. Dotar aos servizos sociais da suficiente capacidade e os suficientes recursos para botar unha man aos vilagarciáns que o precisan. E ser un goberno fiable. Presentámonos ás eleccións dicindo que o centro de saúde ía ser unha realidade, que iamos recuperar parte da nosa fachada marítima, e aí están a demolición do CIRA, a inminente actuación no Ramal e a rexeneración da praia. Traballamos intensamente para cumprir o que dixemos.
—Algo haberá que saíse mal. De qué está máis insatisfeito?
—Sempre se pode mellorar calquera atención, xa sexa unha obra ou un servizo que prestas. O que máis frustración causa son os obxectivos que aínda están lonxe. Ter máis solo industrial. Algo no que estamos traballando con Zona Franca, xa que a Xunta non está a exercer as súas competencias. Ou que non se vexa aínda a promoción de vivenda pública, pensando sobre todo na xuventude, aínda que non só nela.
—Que hai da parcela que Facenda posúe xunta ao xulgado?
—Vemos coma unha boa nova que o Estado renunciase á súa intención de vendela. Ten edificabilidade e podería acoller vivenda pública. De feito, estamos en conversas co Estado para que, dentro do plan xeral que está deseñando, se poida facer sen renunciar a unha meirande dotación de persoal e de recursos para os nosos xulgados. como tamén de ver as posibilidades da parcela que xa non será ocupada polo cuartel da Garda Civil e podería destinarse, por exemplo, a aluguer para a mocidade.
—O que non avanza é a estación intermodal.
—Agardo que non quede nun simple anuncio electoral por parte da anterior conselleira. Díxosenos que primeiro irían as cidades con maior poboación, amosóusenos un anteproxecto e despois non recibimos ningunha explicación máis. No a imos deixar no esquecemento, porque non é unha obriga co goberno ou co seu alcalde, senón cos cidadáns de Vilagarcía. Por certo, de nada valerá se non melloran as frecuencias do autobús, tanto no nivel urbano coma sobre todo no comarcal, que non son competencias municipais. Temos un lema de campaña turística que sinala que Vilagarcía está a tres horas e un café de Madrid. Se quixésemos tomar ese café no Grove viaxando en bus non sería posible.
—Ata agora falamos da Xunta, pero tamén hai débedas do Estado. A humanización da N-640...
—Sucede coas grandes infraestruturas que pasa tempo ata que son unha realidade. Estase redactando o proxecto para transformar unha das principais entradas á nosa cidade e combinar a actividade empresarial cun acceso máis amable e acorde co desenvolvemento urbano segundo os estándares actuais. Por certo, gustaríame ver o mesmo compromiso coa avenida Rosalía de Castro, titularidade da Xunta.
—Seica a Xunta está disposta a ceder esa titularidade.
—Claro, tamén o Goberno do Estado estaba disposto a ceder a N-640 sen reformala. É perfectamente comprensible que calquera das dúas Administracións pida un esforzo á cidade para absorber este tipo de vías na trama urbana. Como é perfectamente entendible que non asumamos a titularidade dunha estrada que non estea en perfecto estado, reformada para os vindeiros vinte ou trinta anos. A nós pedíusenos a demolición da vella Comandancia antes da súa cesión para a construción do centro de saúde. É exactamente o mesmo.
—En que fase está, por certo?
—Está en proceso de licitación. É unha obra pola que pelexamos moito. Nalgún momento o PP quixo facer ver que non ía ser posible. Eu xa dixen, daquela, que o tempo poñeríanos a todos no noso sitio. O Concello fixo o seu traballo e, ao igual que a nós se nos pide que cumpramos os prazos, tamén o resto deben facelo. Asumindo, como xa dixen, que as grandes infraestruturas precisan os seus tempos. E neste caso, por suposto, que se dote de todos os profesionais sanitarios que precisa a cidadanía.
—Baixemos un nivel máis, que preocupa a xente. Hai aparcamento suficiente, sobre todo na área norte do casco urbano?
—Comprendo perfectamente a preocupación da xente nese sentido. Pero unha cousa é a lóxica preocupación do cidadán e outra os debates interesados por parte da oposición, que non se corresponden coa realidade. Os datos son obxectivos. E un deses datos é que Vilagarcía, entre o 2015 e o 2024, gañou 2.700 prazas de aparcamento disuasorio que non existían. Moitas máis que as que se suprimiron nas sucesivas humanizacións. Que faciamos antes, entón? Dito isto, é obvio que precisamos dar facilidades aos nosos veciños, e tamén a quen veñen de fóra e precisan coller o coche. Traballamos dende hai tempo nesa rede de estacionamentos. Adquiriuse o párking de Xoán XXIII, imos habilitar o da Concha e haberá bonificacións e gratuidades. No 2025 comezaremos coas zonas de prioridade para residentes e interesámonos tamén polo párking da praza de España. Estamos no camiño.
«Só falta un informe sectorial para poder levar o PXOM a pleno»
PXOM. «Os plans xerais requiren moitos informes sectoriais de distintas Administracións. Só falta o de Carreteras del Estado para a súa aprobación inicial, sempre que a maioría do pleno así o considere. Tivemos que loitar coa renuncia da empresa redactora. Pero entendo, tamén, que as trabas burocráticas e a tutela excesiva doutras Administracións desesperen aos alcaldes, que en ocasións chegan mesmo a renunciar. Non é o noso caso».
Fondos europeos. «É complicado, cos recursos humanos dunha cidade media, executar o cen por cen dos fondos. Pero eses son uns cartos que Vilagarcía non tiña e agora si, cartos que nós fomos buscar, porque cando chegamos non había nada feito. Ninguén que sexa medianamente xusto pode achacarnos iso».
Falta de mantemento. «Vilagarcía medrou moito nestes anos, cunhas grandes infraestruturas froito dos sucesivos gobernos locais. Son moi consciente de que hai cousas que temos que mellorar neste eido. Como tamén de que os concellos cargamos con responsabilidades, coma o mantemento dos colexios durante os veráns, que debería asumir Educación e impiden que o noso persoal se centre nas competencias propias. Estámonos esforzando».