Os festivos locais brindarán este ano catorce pontes e acuedutos laborais en Arousa
VILAGARCÍA DE AROUSA
San Bieito será o día grande máis compartido na comarca no 2025
02 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inmersos inda en plenas festas de Nadal, co día de Reis agardando o vindeiro luns, son moitos os que aproveitan o cambio de calendario para comezar a deseñar os seus plans de ocio a doce meses vista. E unha das variables principais a ter en conta son as xornadas festivas. As doce que marcan o Estado e a comunidade autónoma correspondente, e as dúas que cada concello fixa, en virtude das súas competencias, para os seus veciños. No caso dos once municipios do sur de Arousa, a sucesión de celebracións non laborais propias arrincará o vindeiro martes, 7 de xaneiro, coa Illa de Arousa e con Pontecesures prolongando o Nadal na honra do seu patrón, San Xulián, e rematará o 13 de decembro, con Meaño gozando do día de Santa Lucía.
Un ano máis, os concellos arousáns apenas compartirán neste novo 2025 a elección dos seus festivos locais. A grande excepción será San Bieito, o 11 de xullo, un dos dous días grandes de Cambados, de Meaño e de Meis. O luns de Pascua, como o día de San Xulián, foi marcado tamén por dúas corporacións municipais da comarca para o lecer dos seus cidadáns, as de Ribadumia e de Meis; neste último caso, coincidindo coa romaría da Nosa Señora das Cabezas. Pola súa banda, O Grove e Pontecesures honrarán a Virxe do Carme en xullo, pero en datas diferentes.
O que si comparten a maioría das localidades arousás é a súa intención de espremer ao máximo a capacidade que a lei lles confire á hora de fixar dúas xornadas non laborais no calendario para o lecer dos seus cidadáns. Así, seis dos concellos da zona contarán con cadansúa pontes, cando non auténticos acuedutos, grazas á elección dos seus festivos locais, mentres outros dous gozarán dunha fin de semana prolongada.
No primeiro grupo, os veciños de Cambados encadearán en xullo dúas semanas de traballo de só catro xornadas, ao caer San Bieito (día 11) e Santa Mariña (18) en venres. En Catoira, as celebracións do seu patrón, San Antón de Padua, o 14 de xullo, e do día despois da Romaría Vikinga, o 4 de agosto, coincidirán en luns. E mellor se lles presentan os festivos locais a meisinos, ribadumienses, pontecesureños e valgueses. En Meis, antes da celebración de San Bieito, o venres 11 de xullo, a festividade da Nosa Señora das Cabezas, o 21 de abril, formará un acueduto laboral de cinco días, con inicio o Xoves Santo. En Pontecesures, o Nadal rematará o vindeiro martes cunha fin de semana de catro días co San Xulián sucedendo a folla do luns de Reis, e xusto medio ano despois, o concello do Ulla abrirá a segunda semana de xullo o luns 7 honrando a Virxe do Carme. En Ribadumia, non serán laborables nin o 21 de abril, luns de Pascua, nin o venres 6 de xuño, día grande da Festa do Viño Tinto. E Valga parará de traballar o luns 3 de febreiro, festividade de San Blas, e o xoves 24 de xullo, por Santa Cristina, co Día do Apóstolo empalmando coa fin de semana.
A Illa de Arousa compartirá con Pontecesures un San Xulián convertido na súa festa de festas, acompañado este ano do Martes de Entroido (4 de marzo) nas xornadas tachadas no seu almanaque laboral. En Meaño desfrutarán do San Bieito en venres, pero Santa Lucía, o 13 de decembro, cae desta volta en sábado.
Sen fins de semana alongados
Esta última circunstancia se repite co día grande de Vilagarcía de Arousa, o 16 de agosto, San Roque, precedido da festividade de Santa Rita o 22 de maio, que neste 2025 aparece na metade da semana, o xoves. O calendario tampouco lles regalará este ano ningún extra nin aos veciños do Grove, que honrarán a Virxe do Carme un mércores, 16 de xullo, e a San Martiño un martes, 11 de novembro, nin aos cidadáns de Vilanova de Arousa, co día de San Mauro, o 15 de xaneiro, en mércores, e o de San Cibrán, o 16 de setembro, en martes.