O cu inquieto que é capaz de reunir a 10.000 persoas en torneos de fútbol base

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Ozores organiza en Arousa cinco campionatos nos que van desfilando a elite de España e de Portugal

06 ene 2025 . Actualizado a las 14:04 h.

A Francisco Manuel Ozores Grande (Vilanova de Arousa, 31 de decembro de 1967) teríalle gustado xogar máis ao fútbol de rapaz, pero «nacín cun defecto de fábrica», di. «O meu ollo dereito é un ollo vago, case non vexo por el. Meus pais tiñan medo de que se xogaba ao fútbol, recibira un balonazo no outro e quedara sen vista». Foi por iso que o máis cerca que estivo de formar parte dun equipo foi cando, coa complicidade da súa irmá maior, aproveitaba as veces que os seus pais non estaban na casa para correr ó campo do monte de András a sentirse parte da familia do Ceibe, un equipo non federado que montara o pai dun compañeiro de colexio. O que para outros tería sido un pequeno trauma semella hoxe a semente desas cinco fábricas de ilusión para rapaces que dirixe Paco Ozores. Cinco torneos de fútbol base de categorías benxamín a cadete repartidos entre Ribadumia, Vilaxoán e Vilalonga, que o ano pasado sumaron preto de 2.700 deportistas e uns 7.000 afeccionados nunha comarca do extrarradio do planeta fútbol. Cifras xurdidas da cantidade, un total de 160 equipos, pero enriquecidas tamén de calidade, coa elite de España e de Portugal e a presenza mesmo de conxuntos asiáticos ou americanos sucedéndose nalgún dos campionatos.

A relación de Paco Ozores co fútbol pasou de anécdota a historia hai catorce anos. Co seu fillo na canteira do Arousa, o presidente do club, Manolo Abalo, pediulle que se convertera no seu vicepresidente da base. Un ano despois, en xuño do 2012, nacía o Torneo Internacional Cidade de Vilagarcía Benxamín e Prebenxamín. No cartel, 32 equipos da primeira categoría e outros 24 da segunda, catro deles portugueses.

«Son unha persoa á que non lle gusta estar por estar; se estou nalgún lado, gústame que se note que estou facendo cousas», apunta Ozores para explicar como se lle deu por montar un campionato da nada. «Despois de que o Arousa Fútbol 7 deixara o club, quería que o Arousa volvera ter un torneo base», recorda. E non un calquera: «O Arousa era e é un club grande, e eu quería plantar a semente dalgo grande e chulo». E sen, confesa, experiencia ningunha na materia, Paco montou un evento de grandes dimensións. Valéndose da axuda inestimable dun home de fútbol como Eduardo Carregal, daquela coordinador da canteira do club vilagarcián, da súa directiva e de moitos pais de xogadores da base, remarca.

Cando, tras sete edicións, Ozores abandonou en xullo do 2018 o Arousa e a dirección do torneo, este, xa só benxamín, lucía 48 equipos nun último cartel co F.C. Barcelona e co Arsenal á fronte. O «desgaste nas relacións e na forma de ver as cousas», pero tamén e sobre todo, apunta, «o desgaste a nivel familiar» por tantas horas dedicadas non xa ao torneo, senón ás moitas responsabilidades da vicepresidencia, puxeron o punto final á súa etapa no Arousa, de onde saíu valorando o «labor tan loable e desagradecido que fan os directivos».

Paco estaba queimado con este último traballo, pero para nada co da organización deportiva. E foi así que no 2019 se lanzou a novas aventuras, animado por moitas das persoas e amigos que foi coñecendo en clubs de referencia do fútbol español á fronte do Cidade de Vilagarcía, e por Carlos Noya, propietario de Clae Viajes, a axencia que desembarcara coma patrocinadora do evento.

Ozores fixouse nas mellores instalacións de fútbol da comarca, as da Senra, e contactou co club local, o CD Ribadumia, para converterse en compañeiros de viaxe na Copa Clae Viajes Ribadumia, un dobre torneo con dous cadros de competición con cadansúa datas propias. Un benxamín, categoría que elixiu «por facilitar unha cita de tipo máis lúdico», e un infantil, «por ter outra máis competitiva», sinala. No 2023, disputadas as dúas primeiras edicións das copas de Ribadumia, Clae Viajes e o club San Martín convenceron a Ozores de asumir a dirección da segunda Ramiro Carregal Soccer Cup Cadete en Vilaxoán, incorporando un torneo alevín feminino o ano pasado mentres levantaba tamén a Celeste Cup Alevín, da man do Vilalonga F.C. Este último, aclara, sen intención de facerlle sombra ao Arousa Fútbol 7, cun formato de fútbol 11 co que respostou á insistencia de moitos equipos que participaban na Copa Clae Viajes Benxamín de dispoñer dun torneo tan ben organizado ao que poder volver cos mesmos rapaces o ano seguinte sen ter que agardar a que estes chegasen a infantís. Cinco eventos creados ou asumidos nun intervalo de seis anos que nacen dunha pura necesidade vital de Ozores: «Son un cu inquieto e vanme os retos. Onde non hai nada, facer algo. A min tírame o mundo do fútbol e organizar estes eventos, que por azar, descubrín que non se me daba mal».

O arousán traballa en darlles aos rapaces e familias que acoden desde distintos puntos da Península Ibérica, pero tamén de Irlanda, Estados Unidos, China ou Xapón, «máis ca torneos, grandes festas de fútbol, creando un grande ambiente». E faino cun gancho que acaba namorando a todos, promovendo cun premio en cada torneo á mellor afección que os rapaces se sintan mimados desde as gradas vendo a súa xente cantar sen parar lucindo as súas mesmas cores.

De paso, engade Paco, pon o seu gran de area na desestacionalización do turismo en Arousa, con catro dos seus cinco torneos concentrados en xuño. E se, aclara a quen se faga a pregunta, cobra unha compensación económica, o traballo de organizador non o saca de ter que defender cada día o seu viveiro de flores ornamentais, do que realmente vive para poder experimentar nas caras e nas risas dos milleiros de rapaces reunidos nos seus eventos todas aquelas horas de fútbol furtado na súa infancia por un «defecto de fábrica».