Felipe Peredo deixa o Arousa e o club busca entre un e tres reforzos no mercado
VILAGARCÍA DE AROUSA
O grao de gravidade das lesións de Torrado e de Compa fixarán o número final
09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Arousa comunicou na mañá deste mércores a saída de Felipe Peredo do equipo vilagarcián. Nun breve comunicado de prensa, o club informou de que ambas as dúas partes veñen de chegar a un «acordo para a rescisión do contrato de Felipe Peredo», ao que o Arousa lle «agradece o seu compromiso e a súa actitude desde o primeiro minuto e deséxalle a mellor das sortes no futuro».
Aos seus 27 anos, o mediocentro cántabro, que fichaba o pasado verán no vestiario da Lomba logo de facer toda a súa carreira no Laredo da súa localidade natal, a última temporada na Tercera RFEF, prometía inxectar veteranía á medular arlequinada. Lonxe diso, marcha con apenas 156 minutos de xogo repartidos en sete partidos de Liga. Certo é, lastrado por unha forte lesión xusto no partido que marcou o punto de inflexión do Arousa tras as súas tres derrotas nas primeiras xornadas de Liga. Fronte ao Racing Vilalbés, Felipe Peredo sufriu a rotura parcial do ligamento lateral interno e unha escordadura no ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo, que o mantiveron afastado dos terreos de xogo arredor dun par de meses.
O director deportivo do Arousa, o vilagarcián Dani Abalo, sinalou onte que Felipe Peredo «no estaba teniendo los minutos que el quería» e que a súa marcha non obedeceu nin ao desexo do club de prescindir del nin do xogador de marchar, senón que «salió de conversaciones entre Míchel Alonso, el jugador y yo» non predeterminadas.
A saída do centrocampista cántabro libera unha terceira ficha sénior no Arousa, que, xa adiantaba a semana pasada o seu adestrador, Míchel Alonso, busca reforzos nestas catro últimas semanas de mercado cos que encarar coas máximas garantías a segunda volta da Liga para remontar a vantaxe coa que a UD Ourense goberna a clasificación. Máxime, cando todo apunta a que tanto Carlos Torrado coma o pichichi do campionato, Álex Compa, sofren lesións de longa recuperación tras retirarse ambos os dous mancados do derbi do pasado sábado co CD Boiro.
Dani Abalo confirmou o anuncio do adestrador do Arousa de que o club está na procura de reforzos cos que apuntalar o seu primeiro proxecto desde os despachos da Lomba. «Con la salida de Felipe Peredo tenemos tres fichas séniores libres. Intentaremos cubrir una o dos», di o director deportivo, «de dos a tres» se as probas médicas acaban confirmando que as de Carlos Torrado e de Álex Compa son lesións de longa duración, engade Abalo.
Neste punto, onte semellaban un chisco máis optimistas respecto ao caso do extremo: «Tenemos la esperanza de que lo de Torrado se quede en un esguince de tobillo de grado 1 o 2. Las sensaciones del jugador son mejores», sinala Dani Abalo. Pola contra, no caso de Álex Compa, declara: «No tenemos ni idea de lo que puede ser. En la ecografía que se le practicó a su rodilla no salió nada» e toca agardar pola resonancia magnética que, previsiblemente hoxe, se lle fará xusto antes ou despois ca que se lle realice a Carlos Torrado.
Reforzar a estabilidade defensiva
Sobre os reforzos, Dani Abalo afirma «a ver si somos capaces de anunciar rápido un fichaje». Oídas as súas palabras, a preferencia pasa por apuntalar a liña defensiva: «Buscamos lo que nos pueda ofrecer el mercado y nos ayude a mejorar. Sabemos que en ataque estamos haciendo las cosas bien y sería cuestión de ver qué nos podría ayudar a dar estabilidad defensiva».