Falece o escultor César Lombera, autor das «Marías» de Santiago, entre outras moitas obras
VILAGARCÍA DE AROUSA

Nado en Barakaldo en outubro de 1953, Lombera trasladouse a Vilagarcía con só dez anos e acabou montando o seu estudio en Catoira
27 ene 2025 . Actualizado a las 11:13 h.O escultor César Lombera Moret, autor entre outras obras das icónicas As dúas Marías que presiden a entrada á alameda de Santiago, faleceu este domingo despois de padecer unha longa enfermidade. Nado en Barakaldo en outubro de 1953, Lombera trasladouse a Vilagarcía con só dez anos cando o seu pai, do mesmo nome, comprou a fábrica La Atlántica de Vilaxoán. Comezou os estudios de Ciencias Económicas en Santiago, pero pronto dirixiu a súa aprendizaxe á súa verdadeira paixón, as artes plásticas, formándose na Universidade de Vicennes, en Francia.
César Lombera estableceu o seu domicilio e estudio en Catoira, onde chegou a ser concelleiro de Cultura. Desa actividade xurdiu a relación de irmandade do concello con Frederickssun, en Dinamarca, e tamén o proxecto de construción dun drakar seguindo os debuxos que se gardan no Museo dos Barcos Vikingos de Copenhague. Foi con esas iniciativas cando a Romaría Vikinga de Catoira deu o salto á declaración de interese turístico internacional.
Onde máis sobresaíu foi na súa faceta de escultor. Varias cidades e vilas de Galicia teñen obras súas. É o caso das Marías de Santiago, pero tamén do Valle-Inclán que contempla a alameda compostelá desde un banco ou o outro Valle-Inclán que pasea pola praza de Méndez Nuñez, en Pontevedra. Tamén na Boa Vila ten Lombera outro conxunto ben coñecido, A tertulia, fronte ao antigo Café Moderno, ao que homenaxea. Outras obras de Lombera son O Carrabouxo en Ourense ou o Marqués de Sargadelos, que dá a benvida á casa consistorial de Ribadeo.
En Vilagarcía, César Lombera ten catro esculturas: O adeus, que rememora o antigo peirao de ferro e a emigración; a Cola de peixe, xunto ao auditorio; e o Fonte Ameixeira e Arcos, petróglifos en Carril. Ademais, outra obra súa forma parte da serie de intervencións artísticas no solo da popular rúa da Baldosa.
Os restos mortais do escultor serán velados mañá luns no tanatorio de Abalo (Catoira). O martes serán incinerados nun acto estritamente familiar.