Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O barrio do Bosque de Desamparados de Vilagarcía contará cun novo edificio de 27 pisos, seis de protección oficial

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

Coa licenza do proxecto básico xa na man, a promotora conta comezar a construír na primavera, e desenvolver outros 60 pisos se salda con éxito a comercialización en marcha

02 mar 2025 . Actualizado a las 20:05 h.

Con moita lentitude inda, pero pouco a pouco a paisaxe de Vilagarcía volve poboarse de guindastres destinados á construción de obra nova. Como o que en cuestión dun par de meses, semana arriba, semana abaixo, prevé instalar e poñer en funcionamento a empresa local Promociones Barreiro Pérez no céntrico barrio do Bosque de Desamparados. A medio camiño entre o estadio municipal de fútbol da Lomba e da Glorieta de la Marina Española construirá 27 pisos, divididos en tres portais, un con once vivendas e os outros dous con oito cada un. E deles, seis serán de protección oficial.

O responsable da promotora, Pablo Barreiro Pérez, informa de que o futuro edificio, que vén de recibir do Concello de Vilagarcía a licenza do proxecto básico, contará con pisos de entre dúas e catro habitacións. Algo máis da metade, quince, de tres dormitorios, con entre 90 e 107 metros cadrados, entre os que figurarán a media ducia de protección oficial. Haberá seis apartamentos de 105 metros cadrados e catro dormitorios, e outros tantos áticos. Dentro destes últimos, tres contarán con dous dormitorios de 70 metros cadrados, dous con tres habitacións e un espazo de entre 92 e 108 metros cadrados, e un de catro habitacións de 120. En todos os casos, aclara Barreiro, fálase de metros cadrados útiles, que nos áticos sumarán terrazas exteriores de 8 a 15 metros cadrados, na maioría dos inmobles que coroarán o novo edificio, con dúas zonas exteriores, unha por cada fachada da futura construción.

Todos os pisos disporán de garaxe e de trasteiro, contarán con sistema de climatización por bomba de calor con solo radiante e con acabados dunha prestixiosa marca de cerámica. Con fachada ventilada, todas as vivendas serán exteriores, con orientación leste-oeste, explica Pablo Barreiro.

O certo é que, a falta de que se empece a poñer negro sobre branco nos correspondentes contratos de compra-venda unha vez obtida xa a licenza do proxecto básico, xa son 17 dos 27 pisos os que están comprometidos, incluídos os seis áticos. Quedarían dispoñibles tan só a metade dos apartamentos de catro dormitorios e sete dos de tres. Entre estes últimos, os seis de protección oficial, cualificación que Promociones Barreiro Pérez tramitará unha vez inicie os traballos de construción e cuxa venda, como corresponde por lei, xestionará xa o Instituto Galego da Vivenda e do Solo (IGVS), explica o responsable da obra.

Rango de prezos

Os prezos das vivendas inda dispoñibles, informa Pablo Barreiro, van dos 200.000-210.000 euros das de 90 metros cadrados ata os 250.000 das de catro habitacións e 105 metros cadrados. Cantidades que atribúe ao feito de que «os presupostos para os materiais, a loxística e os traballos de construción non paran de subir».

«Na primavera deberiamos estar metendo as máquinas» no solar, di o promotor, toda vez que só está pendente xa dun último trámite burocrático menor, a presentación do proxecto de execución, que «como moito debera estar nun par de meses», afirma. A partir de aí, o seu cálculo sitúa nuns dous anos e medio o prazo de entrega dos novos pisos aos seus futuros propietarios.

Trinta anos de experiencia

Pablo Barreiro informa de que «temos máis solo en propiedade no Bosque de Desamparados para desenvolver outras 50-60 vivendas» e, engade, «se vexo que esta promoción vai ben», como así apunta, «empezarei con outro edificio».

Fundada polo pai de Pablo, José Antonio, en 1994, Promociones Barreiro Pérez conta con tres décadas de experiencia no sector, concentradas en Vilagarcía de Arousa. Trinta anos nos que levantou da orde duns 250 pisos, incluídos cinco edificios na praza e na subida á estación de ferrocarril e un par na zona de Fexdega. Nesta última completou no 2009 o seu último inmoble de vivenda colectiva. Dezaseis anos despois, a empresa volve poñer o seu nome no mercado.