Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O BNG reprende a Ravella polo uso partidista das redes e esixe compromisos coa piscina

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Xabier Rodríguez, voceiro do BNG en Vilagarcía
Xabier Rodríguez, voceiro do BNG en Vilagarcía MARTINA MISER

Os nacionalistas lembran que apoiaron o proxecto condicionado a unha redución de cotas para os empadroados en Vilagarcía e facilidades de uso para o club de natación e os centros formativos

13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Toque de atención do BNG de Vilagarcía ao goberno socialista que preside Alberto Varela. Os nacionalistas, interlocutores preferentes do PSOE á hora de sacar adiante a xestión municipal, tiraron onte contra Ravella. En primeiro lugar, porque consideran que se está a facer «un uso partidista da web e das redes do Concello».

«Lembrámoslle ao goberno local que os compromisos electorais son dos partidos políticos, non dos gobernos municipais, polo que non poden empregarse os medios municipais para este tipo de prácticas», subliña a formación que lidera Xabier Rodríguez. O Bloque fai referencia á comunicación de Ravella encol da ampliación da piscina, que destacaba que se trata dun compromiso electoral do PSOE.

Sobre este proxecto, o BNG tamén lembra aos socialistas que o seu apoio resultou fundamental para que se fixese posible, e que os seus concelleiros foron claros á hora de establecer unha serie de condicións. Entre outras, que o vaso cumpra coas medidas regulamentarias para acoller probas regradas na cidade, unha redución da cota que pagan os usuarios empadroados en Vilagarcía e que se facilite o seu emprego ao club de natación, aos centros de ensino e a outros colectivos «en horarios de menor afluencia, reservando espazo para eles».