Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O auditorio acolle unha exposición polo Día da Muller

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Jorge Casal, Silvia González e Daisy Alcalde na categoría de adultos, e Uxía Pérez na infantil gañaron o concurso

02 abr 2025 . Actualizado a las 20:26 h.

Desde onte pola tarde, o auditorio de Vilagarcía abre as súas portas á exposición do maratón fotográfico organizado polo Día da Muller, unha mostra composta por arredor de cincuenta imaxes que poñen en valor a importancia da loita pola igualdade de xénero. Durante a inauguración, tamén se entregaron os premios aos gañadores do certame: Jorge Casal, Silvia González e Daisy Alcalde na categoría de adultos, e Uxía Pérez na infantil. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de abril.

Esta iniciativa, que alcanza a súa 17.ª edición, está promovida pola área de Igualdade, dirixida por Tania García. A concelleira agradeceu a participación dos concursantes e destacou a continuidade desta actividade «que busca poñer o foco na necesidade de defender, agora máis que nunca, a igualdade entre homes e mulleres». O concurso desenvolveuse arredor de catro temáticas. A primeira, «A iniciativa Spotlight», visibiliza as distintas formas de violencia que sofren as mulleres, moitas veces ocultadas ou minimizadas. A segunda, «O efecto Matilda», denuncia a falta de recoñecemento ás mulleres científicas e a apropiación dos seus logros por parte dos seus compañeiros masculinos. A terceira, «Sen coidados non hai vida», afonda na desigual distribución do traballo non remunerado, tradicionalmente feminizado. Finalmente, «Os coidados contan» puxo o foco na importancia do coidado na infancia.

Jorge Casal foi recoñecido na categoría «A iniciativa Spotlight» pola súa fotografía «Saquemos da sombra o problema». Silvia González destacou na sección «O efecto Matilda» co traballo «ConCIENCIAndo dende a crianza». Daisy Alcalde acadou o primeiro posto en «Sen coidados non hai vida» coa imaxe titulada «COIDADOS: SUBSTANTIVO, COLECTIVO, PLURAL». Cada un deles recibiu un premio de 200 euros. Na categoría infantil, Uxía Pérez foi galardoada cunha cámara pola súa recreación do cadro «A creación de Adán».