O BNG reclama accesos seguros ao colexio do Piñeiriño e a área deportiva de Fontecarmoa
VILAGARCÍA DE AROUSA

Os nacionalistas subliñan que se trata dunha demanda da comunidade educativa do barrio dende hai anos
15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG de Vilagarcía de Arousa vén de presentar unha moción na que solicita que se leven a cabo toda unha serie de actuacións no colexio de O Piñeiriño en materia de accesibilidade e mobilidade, tanto no propio centro como na súa contorna. Os nacionalistas explican que dende hai tempo a asociación de nais e pais do alumnado demandando que se tomen medidas que garantan uns accesos e uns desprazamentos máis seguros na área escolar: «Estamos falando —advirten— dun recinto ao que acoden centos de crianzas a diario, sen contar con accesos seguros».
O Bloque subliña que no patio do colexio existen unhas escaleiras «que supoñen un risco pola propia forma na que están deseñadas, o cal repercute no desaproveitamento do uso do espazo e, por riba de todo, nunha falla de seguridade para crianzas e maiores». En cumprimento da normativa ao respecto, a formación que lidera Xabier Domínguez argumenta que o máis acaído sería a construción dunha rampla que as substituíse. A maiores, engade, «o perímetro do recinto escolar, que se estende ao longo da rúa Adolfo Pedrido Morla, presenta tamén grande eivas no tocante á seguridade viaria para os peóns que se desprazan pola mesma, tanto para acceder á escola, xa que os dous accesos ao mesmo dan a esa rúa, coma para acceder ás instalacións deportivas municipais que se atopan un pouco máis arriba do centro lindando con el».
O BNG subliña o máis que previsible incremento de tráfico que se dará en Fontecarmoa ao fío da construción da nova piscina municipal. E esixe, en consecuencia, unha intervención que dote a toda esta zona de beirarrúas en condicións.
En resumidas contas, a moción propón ao pleno que inste á Xunta a realiar as actuacións necesarias en torno ao colexio, tanto no seu entorno coma no interior do recinto escolar. E, por último, instar ás Administracións correspondentes a que executen os proxectos precisos para garantir a accesibilidade ao longo da rúa Adolfo Pedrido.