O último deporte que chega dos Estados Unidos celebrará o seu Campionato Galego en Vilagarcía
VILAGARCÍA DE AROUSA

Concello e Federación Galega de Tenis ofrecerán a posibilidade de coñecer o pickleball esta vindeira fin de semana na capital arousá
22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vilagarcía mantén unha semana máis o pulso como escenario de eventos deportivos máis aló das competicións regulares. O sábado e o domingo, o parque da Xunqueira e o recinto feiral de Fexdega servirán de marco para a disputa do Campionato Galego de Pickleball. Falamos dun deporte inventado no ano 1964 nos Estados Unidos, país no que está a experimentar unha grande auxe, con varios extenistas profesionais de primeiro nivel entre os seus practicantes. En España comezou a súa penetración por Madrid, coa Federación Galega de Tenis sumándose á súa promoción.
O presidente desta última, Pepe Mosquera, definiu onte diante da casa do concello de Vilagarcía de Arousa o pickleball coma un xogo de «tenis de mesa no chan e remate e volea de tenis, nun campo do tamaño do da práctica de bádminton». O directivo salientou que «non ten outras singularidades nin require de condicións especiais, polo que é integrador, podendo xogar homes contra homes, mulleres contra mulleres, parellas mixtas, xente nova e xente maior...»
O sábado xogaránse todos os cadros de competición da categoría absoluta, quedando a xornada do domingo para as categorías sub-14 e veteranos (máis de 50 anos). A proba será a terceira das sete que compoñen o circuíto autonómico tras as disputadas en Celanova e na Coruña, servindo ademais de Campionato Galego. A fin de promover a súa práctica, a Fundación de Deportes de Vilagarcía de Arousa e a Federación Galega de Tenis ofrecerán o venres, no parque da Xunqueira, a posibilidade de probar a práctica do pickleball e coñecer as súas normas de xogo. O ente federativo ten xa o compromiso da Xunta de Galicia de incluílo o vindeiro curso na súa oferta de Deporte Escolar.