A nova biblioteca de Vilagarcía é un éxito: os usuarios creceron un 25 %
VILAGARCÍA DE AROUSA

Hai 14.282 persoas con carné e tamén creceu o fondo bibliográfico e o préstamo de libros: «Fixemos unha aposta clara e acertamos na decisión», di o alcalde
23 abr 2025 . Actualizado a las 14:08 h.A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Vilagarcía celebra o seu primeiro aniversario superando os 68.000 usuarios, un 25 % máis que no 2023, cando aínda estaba nas antigas instalacións de Rey Daviña. O número de persoas que teñen carné da biblioteca aumentou ata os 14.282, tramitándose no último ano máis de 1.000 altas entre adultos (696) e nenos (372); a isto hai que sumar colexios e outras institucións que están afiliadas á biblioteca municipal.
Crece o número de usuarios e crece tamén crece o fondo bibliográfico: actualmente hai dispoñibles 42.893 libros. No último ano, o Concello mercou 989, a maioría dirixido a público adulto e dispón, ademais, de material sonoro e audiovisual para prestar. No 2024 fixéronse 19.596 préstamos, un 24 % máis que no exercicio anterior. A maioría foron libros (19.237), aínda que tamén se cederon 300 materiais audiovisuais (películas, etcétera.) e 56 elementos sonoros. Máis de 2.000 persoas utilizaron o servizo de ordenadores municipal e, ademais, organizáronse numerosas actividades ao longo do ano nas que participaron máis de 500 persoas: contacontos, obradoiros, exposicións e a entrega de do premio Mellores Lectores Infantís, segundo a información facilitada polo Concello.
Actualmente estase realizando o Club de Lectura Marcapasos, que aumentou o número de prazas das 15 ás 20, levándose a cabo un total de once sesións o ano pasado. Este 23 de abril, co motivo do Día do Libro, ofrécese un obradoiro para público infantil «Cucú tapa o cú», con Lorena Pinheiro, a partir das 18 horas; o día 25, a partir das 17.30 horas, será a quenda do espectáculo «Tola academia de maxia».
A Biblioteca Municipal abre 65 horas á semana, contando cun dos horarios de funcionamento máis amplos de toda Galicia: de luns a venres de 9 a 21 horas de forma ininterrompida e os sábados de 9 a 14 horas.
Desde o Concello valoran as cifras facilitadas este mércores como «moi positivas»: «Fixemos unha aposta clara por modernizar e adaptar un espazo que é clave para o desenvolvemento da cidade. Á vista dos resultados, acertamos na decisión», apuntou o alcalde, Alberto Varela.
A nova instalación abriu as súas portas hai agora un ano, coincidindo co Día do Libro, nunhas dependencias moito máis amplas, funcionais e adaptadas ás novas tecnoloxías. «Había unha necesidade por parte dos usuarios de contar cun maior espazo e mellor equipado para poder atender toda a demanda», explica o rexedor. O Concello investiu preto de dous millóns de euros na adquisición e reforma do local do antigo Liceo Casino.