O IES Carril e o Sagrada Familia compiten hoxe na gran final do Club de Debate
VILAGARCÍA DE AROUSA

Alumnos de seis centros de toda Galicia danse cita no auditorio de Vilagarcía ata as sete do serán
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Club de Debate chega este ano á súa duodécima edición. Trátase dun certame que busca favorecer o uso do galego oral en contextos formais e informais, ademais de promover valores coma o traballo en equipo, o pensamento crítico, a tolerancia e a diversidade de opinións. Pois ben, a súa grande final desenvolvese hoxe no auditorio de Vilagarcía, coa participación de dous centros que xogan na casa: o IES O Carril e o CPR Sagrada Familia.
Os dous terán que competir con outros seis centros de toda Galicia —IES Canido, Colexio Lasalle, IES Canido Filial, CPR Galaxia, IES Luis Seoane e IES Terra de Xallas— coa temática da chegada de persoas procedentes de fóra e a oportunidade que representan ou non para a lingua galega. A xornada arrincar ás nove e cuarto da mañá e rematará ás sete e vinte do serán.
O certame está dirixido a rapaces e rapazas de 3.º e 4.º de ESO, 1.º de bacharelato ou alumnado de ciclos formativos ata un máximo de 18 anos, organizados en equipos mixtos. A súa dinámica consiste nun torneo no que se entaboan debates de dous en dous. Cada un deles ten que preparar e defender as dúas posicións, a favor e en contra, con relación ao tema proposto.
Esta é a primeira vez que a capital arousá participa nun debate que comezou en febreiro, cunha proba repartida entre Ribeira e Narón.