Luis Paz-Ares, xefe de Oncoloxía Médica do Hospital 12 de Octubre: «Non espero unha terapia que cure todos os cancros»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O médico e investigador nado en Vilagarcía ingresará o 15 de maio na Real Academia de Farmacia de Galicia

26 abr 2025 . Actualizado a las 20:00 h.

Luis Paz-Ares Rodríguez (Vilagarcía de Arousa, 22 de outubro de 1962) é, entre outras moitas cousas, o xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital 12 de Octubre de Madrid. Entre esas moitas outras cousas, falamos tamén dun dos referentes no tratamento e na investigación do cancro de pulmón a nivel internacional. Do home que, tras formarse no estranxeiro, puxo en marcha a primeira unidade de fase 1 do país, introducindo en 1995 a España os estudos de novos fármacos e terapias contra o cancro en persoas aplicados antes en animais. Dun profesional movido toda a súa vida polo afán de aprender, de descubrir e de usar as mellores técnicas para combater un dos maiores inimigos da saúde humana. E tamén dun home que, di, dá grazas por ter elixido ser o que é, dándose a oportunidade de coñecer e de acompañar a tantas persoas e familias nunha situación dramática na que, conta, soe emerxer o mellor do ser humano. O 15 de maio, Paz-Ares ingresará na Real Academia de Farmacia de Galicia lendo na súa sede de Santiago o discurso Cancro de pulmón de células pequenas: da bioloxía ao tratamento.

«É unha enfermidade que causa moita dor e sufrimento. É rara a familia que non sufrira as súas consecuencias. Con todo, o panorama do cancro ten cambiado moito en catro décadas», di o oncólogo galego en cada ocasión que se lle presenta de facer pedagoxía do labor que realizan as mulleres e homes de bata branca dedicados ao seu combate: «Cando empecei a especialidade, nos 80, a supervivencia media do cancro en España era do 35 por cento. Agora supera o 60».

Ata aquí, os datos que alimentan esa falsa crenza da sociedade na ciencia coma un tótem que todo o pode solucionar, e que vai contra o principio elemental da propia ciencia como unha disciplina sempre inacabada. «Non é probable que dun día para outro se atope un descubrimento como o da penicilina, que cambiou o tratamento das infeccións, e se curen un 90 por cento dos cancros. Eu non espero que haxa unha terapia que cure todos o cancros. Porque cada cancro son moitas enfermidades», declara Paz-Ares. Con todo, fala con optimismo da cuestión, apuntando a avances en varias direccións e ao seu impacto positivo por acumulación: «Iránse desenvolvendo novas terapias que beneficien a estratos concretos de doentes. Veremos varios avances deste tipo ao ano». Desde a extensión da terapia CAR-T, mediante o emprego das propias células T do paciente para atacar as células conquistadas xa polo cancro, ata as crecentes posibilidades do uso Intelixencia Artificial (IA) «tanto para os técnicos e os médicos na diagnose e na consulta coma nos laboratorios», sinala o doutor de orixe vilagarciá e criado entre unha aldea de Melide, a capital arousá e A Coruña antes de mudarse con 10 anos xunto á súa familia a Madrid.

Expresidente da Asociación Española de Investigación contra el Cáncer (Aseica), cos seus catro últimos presidentes galegos, subliña, responsable de cancro de pulmón da unidade mixta do Hospital 12 de Octubre e o CNIO, e membro da cúpula da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), na que foi dez anos presidente do seu comité técnico nacional, Paz-Ares é hoxe patrono do fondo científico desta última e, tamén, coordinador xunto ao doutor do Vall D'Hebron Instituto de Oncología Marcos Malumbres dun consorcio nacional de investigación básica e clínica con 40 grupos de 32 institucións na procura dunha solución contra o cancro de pulmón de células pequenas, o máis agresivo, financiado con 10 millóns de euros pola AECC. Con 492 publicacións científicas e á fronte de 30 investigadores no seu propio laboratorio, que compaxina coa súa actividade médica e de docente na Universidad Complutense, o galego traballa en contribuír ao actual obxectivo marcado pola AECC: chegar no 2030 a un nivel de supervivencia do 70 por cento aos cinco anos de ter un cancro. Un reto no que salienta unha clave: «É importante poñerlle nome, pero tamén apelido a cada cancro». No caso da súa especialidade, o de pulmón, con ata dez tipos, en función da proteína que interveña na enfermidade; desde a máis habitual, a KRAS, ata outras como a FGR ou HCK. «Canto máis coñezamos do tipo de cancro máis poderemos precisar e personalizar o tratamento» salienta o médico.

Seis meses durante a súa residencia no Royal Marsden de Londres, un hospital especializado unicamente en cancro, e case tres anos nos inicios do seu exercicio profesional compaxinando o estudo en laboratorio coa atención a pacientes no Beatson Cancer Center de Glasgow, de onde volveu para montar a unidade de Fase 1 do 12 de Octubre, servíronlle a Paz-Ares para deixar atrás a consideración do cancro como esa palabra maldita. «Cando comecei oncoloxía, os propios médicos falabámoslles aos pacientes con eufemismos, referíndonos a ese vulto, esa mancha. En Inglaterra non se concibía non dicirlle ao doente o que tiña». Hoxe, sostén, «o cancro non está tan estigmatizado. Hai moita xente que se cura. En España, neste momento superan o millón e medio de superviventes. E os tratamentos non teñen tantos impedimentos nin son tan mutilantes» ca cando comezou. Pero toca non deixar de traballar para seguir mellorando. «Nós, os oncólogos, temos que facer todo o posible para que o paciente caia do lado bo da estatística» de curación. E facelo, advírtelle a quen pense en querer axudar no empeño, «tratando as persoas en profundidade e, moi importante, sendo empáticos».

Estudante en Vilagarcía. Pouco tempo pasou Paz-Ares na súa vila de nacemento, Vilagarcía. Seis meses tras nacer e o ano de segundo de Primaria. Na imaxe, a foto da súa ficha escolar.

A atesourada memoria dun neno labrego entre Melide e Vilagarcía

Con dez anos partía Luis Paz-Ares cara a Madrid xunto aos seus pais e os seus oito irmáns —el é o sexto—. Hoxe peitea 62 primaveras, con estadías profesionais en Londres, en Glasgow e en Boston (Dana-Farber Cancer Institute e Massachusetts General Hospital), residindo na gran capital e sete anos en Sevilla, onde exerceu a mesma tripla función no Hospital Universitario Virgen del Rocío de xefe de oncoloxía, investigador (no IBiS) e docente universitario que desempeña no 12 de Octubre. Toda unha vida que non lle fixo esquecer ao doutor Paz-Ares o manexo do galego nin o profundo amor e apego que sente pola terra da súa infancia e pola súa lingua, que usa en canto ten ocasión.

Circunstancias familiares fixeron que os seus irmáns e Luis se criaran repartidos os primeiros anos. No seu caso, logo de nacer e de residir seis meses en Vilagarcía, un dos seus irmáns e el botaron seis anos cuns tíos na aldea de San Salvador e Abeancos, en Melide, de onde eran os seus pais. «Meus tíos eran labregos, vivían da agricultura e da gandaría de subsistencia, con cinco ou seis vacas e plantando trigo, millo, patacas...». Unha etapa que o oncólogo lembra con detalle e con cariño: «Recordo que non había luz eléctrica; chegou o 5 de agosto de 1971. Os invernos non tiñan nada que ver cos de hoxe, cos caramelos de xeo colgando das tellas e nevaradas dun ou dous meses». Pero tamén a alegría vendo a casa dos seus tíos ateigada con ata medio cento de veciños «para rezar o rosario, xogar á brisca, e para ver a televisión que lles regalara meu pai cando había partido e o festival de Eurovisión», relata. Grandes reunións que se estendían aos traballos do agro, nos que a aldea axudábase para facer as mallas e as medas ou recoller a herba, labores nas que Luis inda botaba unha man vindo de Madrid nas súas vacacións de universitario.

En Vilagarcía pasou logo un ano nunha casa fronte a actual escola de música, daquela o colexio no que estudou segundo de Primaria, que por diante daba ao mar. «Recordo ir á praia Compostela», di. Na capital arousá ten Luis, como outros cinco dos seus irmáns, residencia, pasando nela os veráns e moitas fins de semana, sen deixar de ir á súa outra terra, Melide.