Os oficios tradicionais e costumes volverán ter un escaparate en Baión esta fin de semana
VILANOVA DE AROUSA
A mostra reunirá a artesáns, recreará escenas do traballo no rural e levará a Santa Compaña á parroquia na Noite Meiga
07 jun 2023 . Actualizado a las 14:07 h.A Mostra de Oficios, Tradicións e Costumes volve un ano más a Baión (Vilanova), e van seis. Trátase dunha iniciativa da asociación cultural O Castro que, coa colaboración do Concello de Vilanova, organiza un escaparate para recrear como era a vida no rural no século pasado. Con tal motivo reproduciranse estampas como as de ir lavar a roupa, a malla do trigo, o traballo con carro de bois, debullar o millo ou a recollida do toxo no monte e varios artesáns demostrarán en directo como traballaban os augardenteiros, os carpinteiros, os zapateiros e os cesteiros. Tamén pasarán por Baión grupos de música tradicional, non faltará o polbo á feira, obradoiros e xogos para os cativos, haberá exposicións de ferramentas, apeiros de labranza e motos antigas e un posto dedicado ás persoas maiores e con diversidade funcional. «Non haberá momento do día no que non haxa actividade», segundo indicou o presidente de O Castro, Pepe Sabarís.
O programa desenvolverase nas inmediacións do pavillón de Baión e abrirase o sábado ao mediodía. Ás 22.30 horas comezará a Noite Meiga, con Santa Compaña e queimada incluídas, e ao día seguinte actuará, pola noite, o grupo Añoranza.
Ademais, o sábado terá lugar unha comida na que participarán representantes de concellos de varios puntos de Galicia e doutras administracións nas que, seguramente, celebrarase o Premio Galicia de Voluntariado que recibiu O Castro o ano pasado.