Dos esquecidos Pero de Ardia e Xohan Fernandes Dardeleiro

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

VILANOVA DE AROUSA

VITOR MEJUTO

Quizá estivese ben non xa estudar estas dúas figuras, senón buscar que fosen lembradas e coñecidas

13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días Maricarmen Cacabelos mandoume unha copia dunha colaboración miña do 24 de abril de 1983 —como será posible que pasasen xa máis de corenta anos e que alguén a conserve?— na revista Antena Semanal, equivalente á que aínda hoxe se recibe os domingos con este periódico. Daquela as páxinas centrais dela eran exclusivas de La Voz de Galicia. Titulábase «Pero de Ardia e Xoán Fernandes: Dos singulares figuras de la Edad Media, pendientes de un estudio serio». Faltoume engadir que eran de O Grove e de arredor do século XIII. A publicación levaba dous debuxos moi fermosos; un de Xosé Cobas (Negreira,1953) e do outro non recordo o autor. Eu empezara a escribir en La Voz, aquí sigo, por influencia do meu admirado amigo Amancio Liñares Giraut (Negreira, 1961), un actor sobranceiro da cultura galega, profesor de Historia, editor, escritor e pensador; sempre extraordinariamente lúcido. O procedemento para publicar estas colaboracións era moi diferente ao de hoxe: enviábanse por correo, mecanografadas en papel á redacción en Coruña; logo alí entregábanllelas aos ilustradores e, como remate, saían nesas páxinas centrais da revista aos domingos. Lembro outros artigos meus desa época, e as súas incribles ilustracións, relacionadas con Sálvora, Ons, o Baño das Nove Ondas, ou Adro Vello, estas últimas con fotografías dos grovenses Fernando Gondar e Javier Sanmartín. Antes desas datas editarase unha revista no Grove coa cabeceira Pero de ArdIa, en tempos dunha certa efervescencia cultural, lóxica despois dunha ditadura e que non era, precisamente, monopolizada polo Concello. Despois deste artigo meu sobre Pero de Ardia e Xohán Fernándes, coñezo só outro sobre o primeiro, de José Miguel Besada Fernández na publicación Aunios e o máis probable é que esa fose a derradeira vez que se falou del. Pero, como digo, despois diso non se volveu escoitar nada nin de Pero de Ardia, nin de Xohán Fernándes Dardeleiro. Non é que O Grove, como a maioría das vilas pequenas, reborde de figuras históricas pero estou en que ser o berce destes dous merecería algún recoñecemento. Pero de Ardia foi un trobador que tanto Filgueira Valverde como Xosé María Álvarez Blázquez sitúan en Ardia, O Grove, baseándose no propio apelativo e en que, ademais, as súas cantigas mencionan a ermida de Santa Marta que podería ben ser ou a de Pontearnelas ou a de Cambados, aínda que Álvarez Blázquez fala do culto a unha vella imaxe desa santa venerada na parroquial de Noalla. Os xograres, como Pedro Fernandes Dardeleiro, acostumaban ser os intérpretes das composicións dos trobadores e todos xuntos formaban un séquito na Corte, ou nas expedicións militares. Convén tamén recordar que esas figuras foron protagonistas na formación do galego, que naquel tempo era a lingua poética cos cantares de escarnio e sobre todo coas insuperables cantigas de amigo, como esta de Pero de Ardia: «Foi un dia polo veer/ a Santa Marta e a maer/ ú mél xurou que morría/ por mí, máis non mi quería/ tan gran ben como dicía». Quizá estivese ben non xa estudar estas dúas figuras, senón buscar que fosen lembradas e coñecidas seguramente non só pola súa orixe territorial, senón por estarmos orgullosos da súa insigne contribución á formación do noso idioma.