DENDE FÓRA | O |
01 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE LOGO, non se trata aquí de ser apocalíptico, menos, vaticinar nestas letras sobre a fin do mundo. Estes días sente un a sensación de estar abandonado, un náufrago sobrevivindo nunha illa deserta. Outra vez só, nada hai ó meu arredor. É esta a hora de pagar os pecados. Eses excesos de viño e rosas, un pasado contante e sonante. Quédanos, coma no libro de Bioy Casares, A invención de Morel , a posibilidade de que alguén nos filmara coa súa cámara e un día nos devolvera o tempo perdido. Era demasiada felicidade, tiña que vir esta hora cruel. Por enriba, o curso escolar. A primeira bomba por cabeza ou criatura anda nos 180 euros. A segunda, repor o vestiario, esfolado nalgunha latitude xeográfica. Logo, ese intre no que respiras, les as noticias. Manuel Fraga recunca por quinta vez coma candidato a presidir o goberno galego. Winston Churchill, ós seu anos, lideraba a loita contra o nazismo. Claro, Fraga non é Churchill, aínda que a este paso¿ Na Pobra do Caramiñal, estes días vaise celebrar o salón da conserva. Perdónenme, estou un pouco atrofiado con esta feira. Está ben esta iniciativa. Sorpréndeme que sexa en setembro e que sexa aquí. Sorpréndeme, aínda que supoño que a razón está de lado dos organizadores. A terra labrada sempre é mellor de minar. Mañá xa se verá.