En directo | Charla de Bouzas A directora do Servizo Galego de Igualdade protagonizou unha amena charla sobre as trabas que teñen as mulleres para ascender laboralmente
21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.As mulleres atópanse cun teito de cristal, cunha superficie invisible pero moi difícil de traspasar, que lles impide subir na xerarquía. Esta é a visión que a directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luisa Bouzas, tén das trabas ás que se enfrontan as féminas no eido laboral. Foi máis alá, e dixo que este teito non está construído por leis, senón por estructuras socioculturais e ideas que fan que o mundo estea formado por homes e mulleres, por sometedores e sometidas. Bouzas empregou outro símil para definir a situación na que se atopan as féminas, sinalando que están nun chan pegañento que lles impide levantar os pés para ascender na escala. Argumentou estas ideas con exemplos constatables. Así, sinalou que pese a haber moitas universitarias, o número de decanas e rectoras é escaso e, aínda que hai moitas traballadoras, poucas chegan a ser grandes empresarias. A resposta ao porque desta situación hai que buscala, segundo a directora de Igualdade, no uso de criterios subxectivos para valorar a unha persoa: «Cando se teñen en conta os coñecementos e a preparación, a muller rompe o teito de cristal, e iso ocorre en eidos como o educativo ou o xudicial». No seu caso, Bouzas recoñeceu que logrou despegar os pés do chan grazas á normativa paritaria que segue o BNG para elaborar as listas electorais. Ela definiuse como unha muller cuota, pero non por iso menos preparada. Defendeu as listas paritarias, porque serviron para que ela atopara un oco no mundo da política. Agora espera que outras féminas teñan a súa posibilidade, aínda que sexa mediante un sistema de cuotas.