TRIBUNA PÚBLICA | O |
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O CONSELLO de Ministros aprobaba o 29 de setembro o anteproxecto de Lei do Estatuto do Traballo Autónomo. O Goberno socialista avanza decididamente na protección dos dereitos sociais de moitos cidadáns da nosa bisbarra, e dá resposta ás reivindicacións que, durante décadas, vén demandando este colectivo integrado por máis de tres millóns de persoas en España. O texto definitivo é froito de varios meses de traballo, diálogo e debate que deron como resultado unha norma moi consensuada, que foi acordada nas súas liñas esenciais coas asociacións que agrupan a estes traballadores. Fai 26 anos aprobouse o Estatuto dos Traballadores por conta allea, que lles proporciona un marco de protección social e laboral, e durante ese tempo os autónomos estiveron esperando un marco regulador que ampare, na mesma medida, os seus dereitos. Agora, o Estatuto do Traballo Autónomo define por primeira vez o traballo autónomo, recoñece novos dereitos individuais e colectivos, amplía a protección social e ofrece garantías económicas e de seguridade. O Estatuto declara expresamente o dereito dos autónomos á igualdade ante a Lei e á non discriminación, á seguridade e á saúde, e á conciliación da vida familiar e profesional. Xunto a estes dereitos, recóllense outros de carácter colectivo, como á libre asociación e sindicación e ao exercicio de accións colectivas en defensa dos seus intereses. O capítulo máis importante é o da protección social. As principais novidades pasan pola creación dun sistema público de desemprego e pola posibilidade de acceder á xubilación anticipada. O Estatuto prevé, ademais, que os autónomos teñan dereito ás prestacións por paternidade e maternidade; dereito a prestacións por incapacidade temporal, a baixa por enfermidade, e protección en caso de accidente de traballo e enfermidade profesional. Outra importante novidade é a regulación específica do réxime profesional do «traballador autónomo economicamente dependente» -uns 300.000 no conxunto do Estado-, traballadores por conta propia que prestan os seus servizos predominantemente para un mesmo cliente. O Estatuto recoñece a estes traballadores determinados dereitos, como un mínimo de 15 días de vacacións ao ano, o dereito a unha indemnización en caso de suspensión inxustificada de contrato, ou a posibilidade de negociar acordos de interese profesional entre as organizacións que representan a estes traballadores autónomos dependentes e as empresas para as cales traballan.