Costas deseñará un plan para a protección da lagoa de Vixán

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA

BARBANZA

C. QUEIJEIRO

Rafael Eimil anunciou no parque natural a intención do organismo de comprar terreos O presidente da xunta consultiva, Augusto Pérez Alberti, foi presentado oficialmente

21 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A Demarcación de Costas deseñará un plan para a protección da lagoa de Vixán e ata está disposta a xestionar cos particulares a adquisición das parcelas lindeiras. Este anuncio efectuouno onte o responsable do organismo en Galicia, Rafael Eimil, quen manifestou que, desta forma, inténtanse evitar os prexuízos que agora padecen os particulares, aos que se lles alagan os terreos e estráganselles as colleitas na época de choivas. Eimil realizou a proposta no transcurso da primeira reunión ordinaria da xunta consultiva do parque natural. Nesta sesión foi presentado oficialmente, por parte de director xeral de Medio Ambiente, Xosé Benito Reza, o novo responsable do órgano director, Augusto Pérez Alberti. Reza definiu a Pérez Alberti como un gran científico que coñece en profundidade o espazo protexido, sobre o que realizou diversos estudos. Ademais, aludiu á súa independencia e ao seu recoñecido prestixio. A esta primeira toma de contacto acudiron todos os integrantes da xunta consultiva, entre os que figuran representantes de comunidades de montes, a asociación de propietarios, delegados de diversos organismos autonómicos e os alcaldes de Ribeira e Porto do Son. Actuacións A directora do complexo, África Núñez, presentou o informe de actuacións realizadas durante este ano. A consellería levou a cabo traballos de limpeza de camiños, semente e amaño de ríos e dos muíños de auga. Ademais, investíronse 30.000 euros na estación ornitolóxica, e preto de doce mil na redacción dun estudo sobre a valoración ecolóxica e territorial das propiedades que están próximas á lagoa de Vixán. Outros dous mil euros destináronse á elaboración dun informe cartográfico sobre os anfibios e réptiles que hai no área protexida. Tamén se sufragaron outros traballos de investigación relativos ao ecosistema e á fauna desta paraxe. Durante a sesión comentouse a relación de subvencións aportadas a diferentes colectivos e fíxose un adianto das previsións para o 2007.