Cousas da xente O conxunto fixo un percorrido desde os compositores do Barroco inglés ata o clasicismo vienés para alumnos da vila
21 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Non sempre resulta doado mercar unha entrada nas cidades galegas para asistir a un concerto dun grupo relevante. Por iso, hai poucas cousas mellores que poder escoitar gratis e sen moverse da localidade na que un reside a unha agrupación da importancia da Orquestra Sinfónica de Galicia. Pasou onte en Ribeira e foi grazas á programación de Nadal deseñada polo concelleiro de Cultura, Luciano Fernández . Estudantes do municipio escoitaron pezas de compositores do Barroco inglés e do clasicismo vienés, e tamén cancións tradicionais de Irlanda. Cociña africana A asociación de Amas de Casa de Ribeira, que dirixe Magdalena Bringas , aposta pola integración social doutras razas e culturas. Dentro da súa programación de Nadal, o colectivo vén de levar a cabo un curso de repostería no que varias mulleres marroquís residentes en Santa Uxía amosaron, paso a paso, como se fai un doce típico do seu país de orixe que responde ao nome de chuparkia . Moitas socias da entidade non quixeron deixar fuxir a oportunidade de incorporar unha nova receita ao seu libro de coñecementos culinarios. O escritor e editor Francisco Pillado desprazouse esta semana a Noia para impartir unha conferencia sobre Manuel Lugrís Freire, que tivo lugar na aula Álvaro de las Casas, no Instituto Virxe do Mar. A interesante charla, ademais de polos alumnos, foi escoitada tamén polos profesores Concha Sabucedo e Xavier Castro . Duelo de corais A casa da cultura sonense foi o lugar elixido polo departamento de Cultura, que preside Xoán Pastor Rodríguez , para aledar os oídos dos veciños cun concerto. A coral de xubilados Virxe do Carme de O Son, dirixida por Domingo Barreiros; e a Polifónica de Miño, que trouxo o seu propio grupo de músicos de corda, animaron aos espectadores. Trinta persoas asistiron a un curso que organizou a oficina agraria comarcal de Ribeira. O especialista Diego Sánchez introduciu aos participantes no mundo do cultivo de froitas e no emprego de produtos contra a peste e outras enfermidades. Logo de corenta horas de clases, os alumnos terán que demostrar a atención que prestaron durante ese tempo, xa que deberán superar un exame en Guísamo. A proba será decisiva para obter o carné de manipulador desa clase de compoñentes que se utilizan a cotío na agricultura para curar ás plantas.