Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A camelia cobra relevo no Campo de San Alberto

Sara Ares NOIA

BARBANZA

LEMA

Reportaxe | Iniciativas que transcenden o eido educativo O instituto noiés dá cabida desde onte a unhas xornadas comarcais que xiran arredor da flor que inspirou a Dumas

28 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Render homenaxe a unha das flores inodoras por excelencia e, ao mesmo tempo, lembrar a traxectoria vital e artística da escritora noiesa María Mariño. Eses son dous dos obxectivos que persegue o Instituto Campo de San Alberto coa primeira Xornada da Camelia Ría de Noia, que se inaugurou onte e que comparte espazo cunha fermosa exposición dedicada á autora de Palabra no tempo . Máis de trinta cultivadores, procedentes da comarca e doutras localidades galegas, fixeron posible a explosión de colorido que se apoderou desde onte das instalacións educativas, grazas aos centos de exemplares de camelias, de especies tan variadas como a xapónica, a reticulata ou as denominadas híbridas; que se poderán contemplar ata mañá. Algúns dos participantes que aportan flores á exposición optan aos premios do certame convocado polo instituto noiés. Para que esta singular iniciativa agromara, o Campo de San Alberto contou co apoio dos catro concellos da comarca noiesa, a Xunta, a Sociedad Española de la Camelia e a Obra Social de Caixa Galicia. Destacadas cultivadoras do país non dubidaron en aportar o seu grao de area para que as xornadas resulten todo un éxito. Así, cabe salientar os preto de setenta exemplares cos que contribúen á exposición Leonor Magariños e Manuela Couso, de Cuntis, pertencentes ambas as dúas a sociedades de España, California e a outra de ámbito internacional. A primeira das colaboradoras mencionadas dá incluso nome a unha das denominacións rexistradas desa flor e posúe ata catro camelias de ouro, que é o máximo galardón que se concede nos certames monográficos desa variedade de planta. A maiores, tamén coopera coa exposición a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que ten as súas instalacións en Pontevedra e que achegou unhas vinte unidades. En representación de Barbanza, participan nas xornadas cultivadoras como a boirense Ana Isabel Calo Torrado, con corenta exemplares; socias de colectivos de amas de casa da bisbarra e alumnos e profesores do Campo de San Alberto. A subdirectora do instituto, Elena Nogueira, salientou que con esta experiencia tentan enlazar a camelia con María Mariño e sentar as bases para que a iniciativa vaia a máis en edicións vindeiras. «É unha homenaxe que lle facemos con flores á escritora á que se lle dedican as Letras Galegas», sinala.