Paisal puxo ao público en pé

BARBANZA

O artista de Palmeira presentou o seu novo traballo discográfico, «Música», nun auditorio ateigado

20 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un auditorio ateigado de público recibiu a noite do pasado sábado a Enrique Paisal. A ocasión merecíao, xa que o que fora membro do mítico grupo Los Tamara, presentaba cun concerto o seu novo traballo discográfico, titulado Música . Coa súa actuación, o artista de Palmeira non só conseguiu espertar os aplausos dos asistentes, senón que non tivo problema algún para lograr que estes se puxeran en pé.

Co televisivo Paco Lodeiro como mestre de cerimonias, o músico de Ribeira estivo arroupado por dúas voces femininas: a cantante de Fía na Roca, Sonia Lebedinsky, e Yolanda Vázquez, coñecida pola súa aparición en diversos espazos da pequena pantalla. O pai desta última, Antonio Vázquez, sumouse ao acompañamento dalgunhas pezas co seu clarinete.

A actuación prolongouse ao longo de algo máis dunha hora, tempo que Enrique Paisal aproveitou para interpretar boa parte das cancións que figuran no seu novo disco. O público gozou con algúns temas instrumentais, como Quizás, quizás, quizás , de Nat King Cole ou O tempo da alegría . As dúas voces femininas que colaboran no cedé do artista de Palmeira tamén o axudaron o día da presentación. Así, Yolanda Vázquez cantou Lela , mentres que Sonia Lebedynski se atreveu con Galicia terra nosa .

Lembranza dos Tamara

Tampouco faltou no repertorio Ne me quitte pas , de Jacques Brel, pois, tal e como lembrou Paco Lodeiro, na súa época gloriosa, Los Tamara compartiron cartel co mítico cantante belga no teatro Olimpia de París, alá polo ano 1960. Pero non só fixo a introdución dos temas, senón que o presentador televisivo incluso se animou a cantar dúas cancións incluídas no disco: O vello e o sapo , baseado nun poema de Curros Enríquez; e Un año de amor , de Luz Casal.

Un bis coa canción Júrame puxo o broche de ouro ao concerto, que concluíu con fortes aplausos dun público posto en pé.

Este novo traballo discográfico de Enrique Paisal conta con catorce cancións, dez delas a piano e catro con voz. Ademais, foi gravado na capela do Hostal dos Reis Católicos, aínda que o artista destacou que se trata dun proxecto integramente barbancés. Música é un álbum da compañía Sonaxe e está producido por Luis Escurís Batalla.