O Natural recada fondos co fin de por en marcha dúas escolas de taekuondo para colectivos desfavorecidos
12 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O club Natural Vidal Armadores de Ribeira está inmerso nestes intres nun proxecto que ten como finalidade procurar a integración de colectivos desfavorecidos a través do deporte. O obxectivo é recadar fondos para a posta en funcionamento de dúas escolas de taekuondo dirixidas especificamente a persoas con discapacidade física e nenos de etnia xitana.
Para lograr este reto, o club ribeirense conta coa colaboración de diferentes entidades, entre as que destacan Ambar, Cogami, a Asociación Española contra o Cancro e Mudega. Ademais, na presentación oficial da iniciativa, que terá lugar mañá, ás 19.30 horas, na Casa do Mar de Santa Uxía, estarán presentes representantes dos diferentes grupos políticos do municipio e membros do Ateneo Valle-Inclán.
O director deportivo do Natural Vidal Armadores, Juan Luis Martínez, explicou que o obxectivo é usar o deporte como ferramenta de integración: «O que tentamos non é outra cousa que conseguir que grupos desfavorecidos se involucren no taekuondo, xa que a experiencia que temos nos demostra que tamén neste eido se pode loitar pola consecución da igualdade».
Os responsables do club xa están ultimando con Ambar os detalles da escola que terá como destinatarias ás persoas con discapacidade, que ademais contará cun mestre con mobilidade reducida. O obxectivo é que estea en funcionamento en menos de dous meses: «Tentaremos que as dúas clases se poñan en marcha en abril. A idea é que, de xeito inicial, funcionen durante un trimestre en período de probas e logo xa se analizará a continuidade», comentou Martínez Queiruga.
Recadación de fondos
O único que lle falta ao Natural Vidal Armadores e ao resto de entidades implicadas neste proxecto é contar co orzamento necesario para poñer en marcha as escolas, xa que o obxectivo é que as clases sexan gratuítas. Para superar este obstáculo, o club ideou unha orixinal campaña, consistente na comercialización dun calendario no que se inclúen doce fotografías de deportistas de alto nivel que forman parte da entidade deportiva.
O almanaque darase a coñecer mañá, no acto que se celebrará na Casa do Mar de Ribeira. A partir de entón, poñerase á venta no ximnasio Natural Sport e no Ateneo Valle-Inclán. Pode adquirirse polo prezo de cinco euros.