Sete meses despois de publicar «Huyen mis sueños», o ribeirense presentou «Historia das historias da escola»
20 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Pouco deixou descansar José Antonio Ventoso Mariño aos seus lectores, xa que sete meses despois de publicar Huyen mis sueños , unha novela baseada nas súas emocións, o ribeirense presentou Historia das historias da escola , un libro que lle dedica aos seus alumnos do instituto Coroso. De feito, foi a eles aos que lles cedeu a palabra no acto celebrado o mércores no conservatorio da cidade.
Co acompañamento rítmico do mestre de música do centro educativo, Juan Gago, un grupo de estudantes leron algunhas das historias que Ventoso escribiu mentres tiña a perna escaiolada, na mesa norte da cafetería Vífer: «Dediqueille a esta tarefa o tempo de espera, mentres a milla muller -Rosa García Pose- estaba inmersa en tarefas cívico-políticas», comenta.
Ventoso aproveitou estas esperas para darlle forma a un conxunto de relatos que teñen como centro neurálxico a escola. Son historias creadas a partir de lembranzas e de notas que, aínda que froito da imaxinación do autor, puideron acontecer nun período de tempo que abrangue un século.
Preferencia
Aínda que cada un dos relatos ten a súa particularidade, para Ventoso Mariño a máis curiosa é a de un home que, facendo garda en Canarias durante a segunda Guerra Mundial, ve aparecer no ceo un avión xigante. Pese a que dende Madrid lle dan orde de disparar, non o fai, e deixa que siga o seu curso. Aos cinco meses recibe a orde de incorporarse ao estado maior, xa que no aparello viaxaban altos mandos da política mundial. A historia conclúe ensalzando a prudencia como a mellor conselleira.
Noutro relato, o autor conta a amizade para sempre que xurde entre dúas nenas de oito anos; mentres que outro dos relatos trata as vivencias dun mestre angustiado por ter que impartir clase cada día nun ambiente feroz.
Este conxunto de historias complétase coas ilustracións de Xoán Fernández, quen no acto de presentación do libro explicou que foron poemas de Günter Grass os que lle serviron de inspiración para atopar os debuxos máis axeitados para os relatos de Ventoso Mariño.
Na presentación da súa última obra, o ribeirense estivo arroupado tamén polos responsables da editorial Ir Indo, Bieito Ledo e Anxo Rajó, así como polo rexedor local, José Luis Torres.