Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O albedro xa é pouco común en Galicia

Xulio Gutiérrez Roger

BARBANZA

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O aeroporto de A Coruña -Alvedro-, situado na parroquia do mesmo nome no concello de Culleredo, ten nome de árbore, pero coa grafía cambiada.

Madroño en castelán, gurbitz en vasco, arbocer en catalán, arbousier en francés, strawberry tree en inglés, e albedro ou érbedo en galego, son algúns dos nomes que recibe esta pequena e modesta árbore que habita en amplas áreas da Europa atlántica e mediterránea. Normalmente non supera os cinco metros de altura pero en condicións axeitadas pode acadar os quince metros. Pertence á mesma familia que as carrouchas e as queirugas, e posúe unha follaxe mesta e brillante dunha intensa cor verde.

Hoxe non é unha árbore moi común en Galicia porque as repoboacións masivas relegaron a vexetación autóctona aos espazos máis inaccesibles e recónditos, pero aínda se pode atopar con relativa frecuencia nos vales estreitos de ladeiras esgrevias; tamén na serra do Barbanza.

O albedro é unha planta moi utilizada como ornamental en parques e xardíns. O seu froito tarda un ano enteiro en madurar polo que coincide coa floración do ano seguinte. Resulta espectacular en outono, cando florece e amosa unha ostentosa composición de delicadas flores brancas e conspicuos froitos de cor laranxa que despois, en novembro ou decembro, se tornan vermellos cando maduran completamente.

O froito do albedro é comestible, pero antes de inxerilo cómpre prestar atención ao nome latino da planta: Arbutus unedo, que nos prevén do que pode pasar se nos excedemos con el. A primeira palabra quere dicir árbore pequena e a segunda deriva do latín unum-edo que significa «comer un». En efecto, o consumo de varias pezas deste doce froito pode producir un intenso efecto laxante. Por outra parte, cando madura e comeza a fermentar na propia árbore pode chegar a emborrachar. Por todo isto non é estraño que os froitos reciban o nome de fartabellacos. De todos os xeitos, en moitas rexións son moi apreciados para facer confeituras e licores. Medio quilo deles, nun litro de boa caña con azucre ao gusto, cravo e canela transfórmanse despois de tres ou catro meses de maceración nun delicioso bebedizo espirituoso.