O historiador Ramón Villares Paz foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega, o quinto da súa historia, en abril do 2006, cando á institución lle faltaban dous anos para os 25 da súa creación por Lei.
-¿O primeiro cuarto de século marca un antes e un despois no Consello da Cultura?
-Desde logo que si, porque nos primeiros anos non tiña sede nin case orzamento, e hoxe ten trinta traballadores, unha sede emblemática e unhas sección estabilizadas. En termos porcentuais, non sei se nos próximos 25 anos poderá medrar tanto como o fixo nestes cinco lustros, porque o nivel acadado é alto.
-¿Será máis ben no canto de imaxinar país?
-É o noso obxectivo. Axudar a imaxinar este país, pero non nós, senón estando abertos ás ideas e ás propostas da infinidade de persoas que pasan polas distintas seccións. O noso papel é ser un lugar de encontro para fomentar a creatividade, ser animadores no seo da cultura e tratar de superar as situacións minifundistas que tanto nos caracterizan, non só no ámbito cultural.
-¿Con novos proxectos?
-O ano que vén ímoslle dedicar un gran esforzo á figura de Luís Seoane por mor do centenario do seu nacemento, e imos intensificar a presenza no exterior, pero en universidades de excelencia, empezando cun ciclo no London School Economy, e en Norteamérica e no cono sur. Propoñémonos novos retos, á parte do traballo ordinario do Consello e o de prestar asesoramento ou atender peticións que nos fan desde a Administración autónoma, da local e mesmo da provincial.
-Na celebración deste aniversario primou a reflexión sobre os fastos. ¿Que balance fai?
-Foi un ano de actividade de análises e de debate, e de todo iso sairá unha reflexión para dar conta do estado da nosa cultura e do resto do mundo. Nesta dirección temos que seguir avanzando, e temos ciclos abertos.