De viaxe cos versos de Novoneyra

Javier Romero Doniz
Javier Romero RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

A entrega de premios dos institutos noieses Virxe do Mar e Campo de San Alberto completouse cunha función sobre o poeta lucense interpretada por Serafín Marcos

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Poucas ou incluso ningunha vez pensou o poeta do Courel, Novoneyra, que os seus versos serían reciclados para dar pé a unha función que mesturase teatro, monólogo e performance. Unha fusión que se levou a cabo baixo a batuta do artista Serafín Marcos no instituto noiés Campo de San Alberto e á que asistiron ademais do alumnado deste centro de secundaria, os matriculados no Virxe do Mar.

O show celebrouse para concluír o mes cultural do Campo de San Alberto, ademais de proceder á entrega de premios do concurso literario que ambos institutos noieses celebran anualmente. ?Dende o inicio, Serafín Marcos xogou cos sentidos, afinando o oído e a vista dos espectadores para introducilos no universo de montañas que aparece reflectido nos versos de Os eidos.

O público, formado por cerca de sesenta alumnos e profesores, mostrou dende o inicio gran expectación ante a incógnita que supuña saber o que tiñan diante e o que ía pasar sobre o escenario. O son de fondo reproducindo o ruído que fai a choiva e o vento no medio dun bosque, serviu a audiencia para despexar algunhas incógnitas.

Imaxinario colectivo

Marcos buscou e alcanzou a creación dun entorno natural, no que a lírica de Novonoeyra centrada no Courel aquí plantexábase nun contexto da Galicia global, perfilando un panorama idílico de frescura onde os ríos e a cor verde dos prados pintaba de cores e movemento o imaxinario común do respectable.

Outro dos apartados que incluíu o artista no seu espectáculo foi a traxectoria persoal do poeta, onde a súa relación coa tamén escritora María Mariño explicouse dunha forma moi peculiar.

Ao rematar a función os alumnos recibiron os premios, sendo os estudantes galardoados Sara Martínez Narváez, Ismael Ramos Castelo, Iria Iglesias Martínez, Alba Patiño Díaz, Adela Dávila Fernández, Jessica Amado Dosil, Alba Vázquez Romero, Noela Barreiro, Ismael Ramos Castelo, Iria Iglesias Martínez, Andrés Vázquez Romero e Beatriz Agra Freire.