Membros dos clubs Palmira Scuba e Buceo Arroaz recolleron 300 quilos de lixo de dúas praias da Pobra

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

02 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Trece persoas pertencentes tanto aos clubs Palmira Scuba coma Buceo Arroaz levaron a cabo a limpeza das praias pobrenses de Cabío e A Illa o pasado fin de semana.

O motivo destas actuacións nos areais foi, coma tódolos anos nestas datas, a preparación das áreas de baño para a temporada estival. Ao mesmo tempo, o responsable de Palmira Scuba, José Manuel Fernández, aludiu á especial sensibilidade que hai na zona co problema do lixo nas praias dende que, hai un mes, unha mergulladora quedara atrapada cos restos de aparello existentes nun areal.

O resultado da limpeza foi a recollida dun total de 300 quilogramos de lixo, entre os que se atoparon anacos de plástico, algún cabo, moitas botellas, restos de aparello e algunha que outra pila.

A actuación fíxose tanto por mar coma por terra. Os equipos compuxéronse de seis limpadores por terra e cinco mergulladores. O traballo realizouse o sábado e o domingo e tivo unha duración de dúas horas e media por terra e hora e media por mar cada un dos días. Neste último caso, os mergulladores víronse limitados pola duración das bombonas o que lles impediu facer unha limpeza maior.