Juan José Sieira é un empresario boirense que leva traballando no negocio familiar desde que era cativo. Na actualidade, é promotor de iniciativas de colaboración entre os hoteis e hostais da comarca.
-¿Que ofrece o seu negocio?
-Nos Trillizos ofrecemos un trato directo co cliente. A nosa filosofía é dar un servizo de calidade a bo prezo. Contamos con 34 habitacións, un restaurante con capacidade para 90 persoas e servizo de bar.
-¿Cal é a receita para seguir funcionado despois de 33 anos?
-Eu penso que a clave é seguir un proceso de modernización continuado. Cada ano, segundo o permite o peto, tratamos de facer reformas para ir mellorando. Outra cousa importante é facer sentir ao cliente coma se estivese na súa casa.
-¿Cal é o cambio recente máis destacable?
-Hai tres anos decidimos centrar o negocio na hospedaxe, o que conlevou o peche do bar os sábados. Este cambio de orientación é algo do que non me arrepinto, xa que atrae un turismo de relax e favoreceu a conciliación do traballo coa vida familiar.
-¿En que consiste o proxecto de asociacionismo que promove?
-O que se busca é converter a Barbanza nun referente potente. Para iso, os establecementos hostaleiros están empezando a cooperar a través de Arousa Norte. É hora de poñer medios para explotar os recursos turísticos da comarca.