«No 30 aniversario tentamos aproximar a música á rúa»

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Miranda afirma que o papel dos mestres e das escolas municipais son esenciais para espertar o interese dos rapaces polas bandas

15 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A andaina de José Luis Miranda no mundo da música (Boiro, 1987) iniciouse sendo un cativo. Grazas aos coñecementos musicais adquiridos durante os seus moitos anos de estudo, no 2002 foi nomeado director da Banda de Música de Boiro, tras a xubilación do antigo director.

-¿Que o levou a iniciarse na música?

-Foi algo que xurdiu de min. Na miña familia non hai tradición musical; de feito, eu son o único que toca instrumentos. Teño que dicir que no colexio encantábame a materia de música. Eu fun quen lle pedín aos meus pais que me levaran a unha escola de música.

-¿Que instrumentos toca?

-Eu empecei tocando o bombardino, un instrumento de vento metal típico das bandas de música. Ademais diso, toco o trombón de varas e o piano.

-¿Cantos anos de formación musical ten ás súas costas?

-Uff... un montón. A carreira no conservatorio dura polo menos trece anos, catro de grado elemental, seis de profesionamento e tres de ensino superior. Ademais diso, estudei Maxisterio Musical na Universidade de Santiago.

-¿Houbo algún cambio dende que vostede chegou á banda?

-En xeral, dende o principio tentei que a banda se modernizase. Iso provocou cambios nas pezas a tocar. O que eu expuxen foi un xiro dende repertorios tradicionais cara a outros máis modernos, como a banda sonora. Por exemplo, antes de chegar eu, tocábase moita máis zarzuela que agora

-¿Cal é o perfil dos músicos da banda?

-Hai xente de diferentes idades, pero a maioría son estudantes. Moitos tamén son alumnos da escola de música municipal.

-¿Cal pensa que son os motivos polos que un rapaz decida tocar na banda?

-Moitos empezan por simple curiosidade ou gusto pola música, tal e como o fixen eu.

-¿É preciso que os rapaces teñan un contacto coa música antes de ir á banda?

-Nas bandas de música adóitase comezar desde moi noviño, polo tanto non se requiren coñecementos moi específicos. Na maioría dos casos, o primeiro contacto coas melodías é na escola, de aí que a figura do mestre de música teña tanta importancia á hora de impulsar aos rapaces a estudar de maneira complementaria nas bandas.

-¿Os rapaces das bandas van aos conservatorios para ampliar a súa formación?

-O perfil que acaba tendo a xente que vai ao conservatorio é máis profesional. Normalmente, a xente que toca na banda faino por afección, non tanto como alternativa laboral, aínda que tamén hai outras persoas que compatibilizan as dúas cousas. Iso depende un pouco do gusto de cada un pola música.

-¿Como ve a situación das bandas de música galegas?

-As bandas galegas, xunto coas valencianas, son un referente en toda España. En Galicia, hai músicos de moita calidade que tocan nestas agrupacións como afección.

-¿Que pode contar respecto ao trinta aniversario da Banda de Música de Boiro?

-Este ano estamos levando a cabo un montón de actuacións. No trinta aniversario tentamos aproximar a música á rúa e achegar a banda aos veciños do municipio. Normalmente, a xente ten unha idea de que as bandas de música tan só tocan himnos e marchas durante os actos oficiais. Ese é o concepto que nós queremos mudar. O que tentamos é tocar como mínimo unha vez ao mes na rúa. Por outra parte, teño que dicir que na banda estamos moi contentos por ter tido a posibilidade de ler o pregón durante as festas, o que fai visible o recoñecemento do Concello da nosa labor.

-¿Cal é o próximo acto no que van participar?

-Este fin de semana celebraremos a quinta edición do Festival de Bandas en Boiro e, xa en setembro, viaxaremos a Portugal para participar nun festival.