«Non me gusta producir en serie, cada obra conta unha historia»

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Hai sete anos que este ribeirense fundou en Aguiño, xunto con José Gude, o taller artístico Arteleira, do que agora se encarga en solitario

22 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Jontxu Argibay é un artista que ten realizado varias exposicións nos concellos da comarca. Defínese coma unha mente creativa dedicada a múltiples paus dentro do mundo da arte. Entre as facetas deste artista ribeirense destacan a de escultor, debuxante e deseñador.

-Cónteme, ¿que é Arteleira?

-Arteleira é un taller artístico, creado hai sete anos en Aguiño, por José Gude e máis eu. Ao que nos dedicamos é a facer escultura. Neste taller realízanse tanto pezas por encargo coma obra propia. Entre os materiais máis utilizados encóntranse o bronce, madeiras exóticas, así coma aglomerados e resinas.

-¿Canta xente traballa no taller?

-Ata o momento fomos dous, porén hai uns meses José Gude decidiu deixar de traballar no taller, polo que agora todas as pezas producidas son miñas.

-¿Que lle levou a dedicarse a isto?

-É algo que sempre me atraeu, por iso decidín formarme en disciplinas artísticas. No 94, gradueime na especialidade de volume na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, e no 2001 fíxenme Técnico Superior de Ilustración pola Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso da Coruña.

-Fáleme da súa obra.

-En liñas xerais, a miña obra ten trazos figurativos. Intento fuxir en gran medida do realismo. O material que máis me gusta traballar é a madeira, porén utilizo un pouco de todo.

-¿Neste momento crea máis pezas por encargo ou pezas artísticas non comerciais?

-En certa medida a crise comeza a notarse. De feito, tiña encargadas dúas pezas para a Administración pública e neste momento téñoas paralizadas, xa que non hai cartos para pagalas. Na actualidade, estou máis centrado en crear pezas non comerciais, pois en realidade é o que máis me gusta. De todas formas, sigo facendo trofeos e cousiñas por encargo, non se pode renunciar a estes cartos.

-No proceso creativo, ¿hai diferenza entre as obras por encargo e as obras non comerciais?

-Por suposto. Nas obras por encargo un vese en gran medida limitado ás peticións do cliente ou entidade que fai o pedido. Na creación da obra por encargo, un non pode deixar voar tanto a imaxinación como se estivera realizando un traballo non comercial. Ese é o motivo polo que, neste momento, me decanto por facer máis creacións non comerciais.

-¿Crea maioritariamente traballos seriados ou prefire os exclusivos?

-Non me gusta producir en serie, cada obra conta unha historia nova. Por iso lle dou tanta importancia ao título final das pezas. Para min, cada título é a síntese do concepto que quero transmitir ao público. É unha das pistas sobre a historia que quero contar.

-¿Utiliza algunha ferramenta para dar a coñecer as súas obras?

-Utilizo o meu blog persoal, www.pindrions.blogspot.com, e o blog de Arteleira, www. arteleira.blogspot.com. No primeiro describo como é o proceso de elaboración, mentres que no da asociación mostro os resultados finais.

-¿Hai algunha obra súa en algún lugar ou rúa da comarca?

-Si, todas elas están colocadas no municipio de Ribeira. Na localidade de Castiñeiras teño o Polbeiro; en Olveira está o Segador, e en Corrubedo, teño unha placa conmemorativa do 50 aniversario do naufraxio do Debonair .

-¿Cal é a súa obra propia preferida?

-O Jandul é unha obra que me gusta moito, pois representa en certa medida a miña forma de crear, o gusto por rascarse a barriga. É unha obra con humor, algo que intento recrear en moitas das miñas pezas. Ademais diso, é unha creación que foi premiada, polo que podo dicir que me deu moitas alegrías.