Arte das máis diversas formas

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Veciños e visitantes poden contemplar estes días na bisbarra exposicións de fotografías e óleos, así como outra dedicada á reserva mariña de Lira

05 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Agosto trouxo un ritmo frenético ás principais salas de exposicións da comarca. Durante este mes, visitantes e veciños poderán gozar dunha ampla gama de manifestacións culturais de todo tipo, de forma totalmente gratuíta.

As exposicións presentan desde óleos cun marcado carácter autóctono, no caso do Liceo de A Pobra, ata mostras sobre pesca sostible e os recursos mariños, unha interesante exhibición didáctica que se pode contemplar na casa da cultura boirense.

Outra das propostas culturais fai un repaso polas técnicas de estampación e a electografía, a través da obra gráfica de Manuel Silvestre, un experto na materia. Os traballos exhíbense no Museo do Gravado de Artes.

No caso da exposición sobre a reserva mariña de Lira, a dos Miñarzos, estará en Boiro ata o día 17. Esta exposición está enmarcada dentro dun proxecto que trata de sensibilizar sobre a importancia da conservación do medio. Para iso, amósase a costa de Carnota dende o ceo, visión innovadora á hora de recoller a beleza deste entorno. Os que alí se acheguen, poderán dar fe dos fabulosos resultados dun proxecto pioneiro na comunidade.

Gravado

Se un se achega ata a sede da fundación do Museo do Gravado de Artes poderá descubrir os segredos de técnicas de estampación coma o gravado, o colagraph ou a serigrafía. O pasado fin de semana inaugurouse unha colección titulada Manuel Silvestre: Obra gráfica y libros de artista . O tema principal da mostra é a evolución dende a maneira tradicional de elaboración de tintas e soportes gráficos, ata a chegada das modernas técnicas dixitais de captación e tratamento da imaxe de alta resolución.

A través da obra de Manuel Silvestre, experto nos métodos de rexistro e copiado da imaxe, cóntase, desde un punto de vista artístico, a transformación dos procesos de impresión.

Por outra parte, o Liceo de A Pobra exhibe catorce obras de Adelino Soler Ageitos, un pobrense, profesor na Escola Técnica de Arquitectura da Coruña, afeccionado á pintura dende hai oito anos.

Esta mostra componse dunha selección ecléctica de óleos de estilo figurativo. Entre as representacións pódense atopar dende diversas paisaxes da Pobra, ata elementos autóctonos como as tradicionais bandas de música.

A oferta é moi variada e inclúe propostas para todos os gustos. Deste xeito, o talento artístico existente na bisbarra maniféstase das máis diversas maneiras.

A contemplación destas coleccións convértese nunha interesante alternativa para os amantes da creación e para quen busca ofertas de ocio diferentes.