Mobles que son para toda a vida

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

A familia Muñiz Santos abriu unha moblería hai case tres décadas; o negocio ampliouse hai oito anos coa apertura dunha nova tenda en Lousame

22 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos 13 anos, Francisco Muñiz (1941, Cespón) comezou a traballar como carpinteiro, oficio que compatibilizou coa tarefa de ir mariscar á praia, para sacar uns cartiños extra.

Hai 35 anos casou con Encarnación Santos Sierra, con quen formou unha familia numerosa. Cando o seu primoxénito tan só contaba cun ano, Muñiz construíu a casa familiar coa idea de deixar os baixos para poñer nunha parte unha tenda de venda de marcos e guarnicións e, noutra, unha pequena carpintería. Nese momento, Francisco tan só contaba con 200.000 pesetas e a obra custaba case millón e medio. Nestas circunstancias, xurdiu a idea de abrir a moblería.

«Un día, traballando nun pasamáns, vin como uns obreiros colocaban uns mobles», confesa o pai. «Pareceume que non tiñan xeito ningún. Cando cheguei á casa díxenlle á miña dona: Encarnita, imos montar unha moblería. A verdade é que ela estivo de acordo dende o primeiro momento. Dende aquela, todo marchou sobre rodas. No primeiro ano conseguimos os cartos da casa».

División de tarefas

Nun principio, Encarna encargouse de vender e da oficina, e Francisco da montaxe de mobles. A día de hoxe, contan coa axuda dos seus catro fillos e doutros catro empregados.

Dende hai oito anos, os esforzos desta familia dividíronse en atender a dous establecementos diferentes. Por unha parte, a sede principal da Amanecida (Boiro), con mobiliario clásico, e por outro, a tenda de Fontefría (Lousame), onde teñen unha mercancía máis moderna.

Cando se lle pregunta a esta familia cales son as vantaxes e inconvenientes de traballar xuntos rapidamente xorden as risas. Francisco, o primoxénito, comenta que o mellor é que os beneficios van integramente para a familia, e non para un xefe foráneo. «Logo hai moitas desvantaxes coma ter que traballar sen hora», di. Esta opinión é reafirmada por todos os membros da familia.

Noutro senso, Cristina, a penúltima dos irmáns, afirma que o principal inconveniente é diferenciar os asuntos profesionais dos familiares. «Ao traballar xuntos, ás veces é inevitable levar os problemas do traballo á casa, e isto non é para nada positivo».

Co paso do tempo, esta familia soubo mellorar as prestacións do seu negocio, adaptándose ás necesidades dos seus clientes. O fillo maior comenta que hoxe en día o público valora moito a imaxe, e que por iso coidan moito máis o deseño e a estética da moblería. «Cando eramos pequenos, os mobles vendíanse xa sen montar. A aparencia da tenda era máis de almacén que de moblería. Isto foi algo no que melloramos moito. Somos conscientes de que a xente busca deseño ante todo, incluso por riba da calidade», aseveran.