Despois de estar traballando once anos en Suíza en diferentes hoteis, restaurantes e pizzerías, Jaime Agra, un nicrariense de 43 anos, foi vivir a Boiro, lugar onde montou a pizzería Adria.
-¿Por que se decidiu a montar unha pizzería?
-Para empezar, son fillo dun camareiro, así que isto lévoo no sangue. Por outra parte, estar traballando fóra, no sector da hostalería, fíxome coller práctica neste campo e descubrir algunhas das claves para que un negocio vaia ben. Como tiña comprado un baixo en Boiro, abrín a pizzería un pouco por probar. No caso de que me fose mal, o peor que me podía pasar era ter que pechar o negocio, e logo ter que alugar o baixo, así que o risco non era moito. Por sorte, funcionou ben dende o comezo, estou moi contento dos resultados.
-¿Cal cre que é o motivo do éxito do Adria?
-Penso que os clientes valoran moito o trato próximo e dou por feito que lles gusta a comida.
-¿Que é o que máis e o que menos lle gusta do seu traballo?
-Uff... vaia pregunta. Son afortunado, gústame moito o meu traballo, é complicado dicir algo negativo. Quizais o peor é que me resulta difícil compatibilizar a vida familiar e a laboral.
-Dígame o secreto das pizzas do Adria.
-É moi sinxelo. O secreto da boa pizza está na masa e en usar ingredientes de primeira calidade.