Co luxo nas mans dende o berce

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ |

BARBANZA

Na xoiería Lado de A Pobra son capaces de facer réplicas dos aneis, pendentes ou pulseiras das artistas de cine soamente mostrándolles unha fotografía

05 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O bo gusto á hora de moldear metais como o ouro ou a prata, engadíndolle todo tipo de pedras preciosas, é algo que parece xenético, ou polo menos así o exemplifican os Lado, unha familia pobrense, descendente dunha caste de xoieiros que se remonta polo menos cinco xeracións no tempo.

Conta José, o pai, que a súa familia iniciou o negocio en Santiago. Sinala que a tenda compostelá debe levar aberta máis de 150 anos, e que así o demostran certas pezas atopadas en edificios dos arredores. «Na igrexa de Conxo hai unha coroa antiquísima firmada co nome de Lado, todo parece indicar que foi feita polo meu bisavó».

José criouse no taller-xoiería do seu pai, polo que se pode dicir que case dende o berce foi aprendendo os trucos do oficio. Como eran moitos irmáns a traballar na xoiería, con 25 anos decidiu marchar para Austria, alí continuou traballando no mesmo sector, perfeccionando os coñecementos adquiridos na casa.

Despois de botar alí un tempo, empezou a pensar cal sería o lugar idóneo para abrir unha xoiería en Galicia. «Eu tiña claro que quería retornar e vivir na costa. En principio pensei en Ribeira, pero alí os locais eran moi caros. Ó final collín un baixo na Pobra, lugar de onde é María Dolores, a miña dona».

Os inicios

No ano 1969 abriu a xoiería Lado na Pobra, no número 17 da Rúa Paz. Ao pouco casou con María Dolores e en catro anos tiveron aos seus tres fillos. Conta María Dolores que o día que naceu Miguel Ángel foi a xornada na que abriron a segundo negocio, na praza de García Martí. Dende aquela, José quedou na xoiería pequena e María Dolores trasladouse á nova para poñerse de vendedora. «Eu non coñecía o negocio», comenta esta muller, «sen embargo adapteime moi ben. Coñecer a xente de aquí penso que foi un factor clave para que o negocio tivese éxito». Neste sentido, José di que á súa muller non se lle escapa ningún cliente que entre pola porta.

Cando José se retirou pecharon a primeira xoiería. Dende aquela, María Dolores e o seu fillo pequeno, Miguel Ángel, atenden o negocio na rúa García Martí.

Miguel Ángel, ao igual que o seu pai, criouse entre metais e pedras preciosas. Os seus proxenitores déronlle a alternativa de estudar unha carreira pero el, por inercia, decidiu continuar co oficio familiar. Ademais do aprendido na casa, foi estudar durante tres anos a Ourense para ampliar coñecementos.

Cando se lle pregunta que é o mellor de traballar na casa, resposta que el xa colleu o negocio establecido, e que isto é algo que lle dá moita seguridade. «Traballar na casa e cos teus pais é moi diferente a facelo fóra. Eu valoro moito a estabilidade laboral que teño. Por riba, miña nai e eu coordinámonos moi ben ao traballar na tenda. Ela atende no mostrador e eu adoito estar no taller reparando pezas ou facendo algunha xoia de encargo. A verdade é que non me arrepinto de ter optado por continuar co oficio familiar. A día de hoxe estou moi contento».