Despois de dedicarse ao longo de dúas décadas ao marisqueo, agora esta boirense pasa o verán amosándolles os segredos deste oficio aos visitantes
16 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Hai un par de anos, Carmen Hermo retirouse despois de ter traballado dúas décadas como mariscadora nas praias do municipio de Boiro. Ao pouco tempo de xubilarse, esta veciña de Abanqueiro empezou a colaborar como voluntaria do programa Paséate con nós , unha iniciativa turística que dá a coñecer aos visitantes os oficios tradicionais da zona.
-¿Traballou toda a vida como mariscadora?
-Non, a verdade é que recorrín a este traballo unha vez que me vin coa necesidade de cotizar para poder ter unha pensión. En total traballei 20 anos como mariscadora, antes diso, fora ama de casa.
-¿Que é o que máis lle gustaba do seu traballo?
-Gústame todo o relacionado co mundo do mar, así que nunca tiven moito problema. Ademais, o horario era bastante bo, traballaba tres horas por xornada laboral.
-¿E o que menos?
-Mariscar con chuvia era o peor, persoalmente era o que máis me incomodaba.
-¿Como se fixo voluntaria de «Paséate con nós»?
-Amalia, a técnica da oficina de turismo, púxose en contacto co presidente da Cooperativa de Abanqueiro para buscar a unha persoa xubilada que lles quixera explicar aos veraneantes en que consistía a cultura e a técnica do marisqueo. O presidente pensou en min, pois cumpría o requisito de estar retirada. Cando mo comentou entusiasmoume a idea, e nese mesmo verán, empecei a colaborar como voluntaria, diso penso que hai tres anos.
-¿É enriquecedora esta experiencia?
-Si, moito. Participar nisto permíteme coñecer a xente de lugares moi diversos. Charlando cos visitantes aprendo moitas cousas e, ademais diso, pretendo ensinarlles aos turistas a valorar os recursos do mar. Grazas a iniciativas coma estas, os visitantes danse conta de por que se debe comprar o marisco nas prazas ou nas peixerías, en vez de collelo indiscriminadamente nos areais.
-¿Cal é a procedencia maioritaria dos turistas que participan no programa?
-A maioría dos turistas que viñeron ao meu taller eran da zona de Madrid. En xeral, podo dicir que unha ampla porcentaxe eran visitantes nacionais, aínda que tamén houbo algún estranxeiro.
-¿Que aspectos trata no seu taller?
-O primeiro que lles ensino son os criadeiros, onde se atopa o marisco pequeno. Logo explícolles as distintas clases de ameixas que hai e o tempo que tarda en medrar cada variedade. Outra cousa que lles ensino son os apeiros que utilizamos as mariscadoras para desenterrar o marisco, entre eles os sachos e os rastros.
-¿Que é o que máis lles chama a atención aos visitantes?
-Chámalles moito a atención o tempo que tarda en medrar o marisco, ou o feito de que os mariscadores sementen os bivalvos coma se se tratase de calquera outro produto agrícola. Normalmente, sempre me comentan que lles parece un traballo moi duro.
-¿Que balance faría este verán da participación dos turistas no programa?
-En xeral, penso que é maior que outros anos. A xente está moi contenta con esta iniciativa; de feito, moitos dos que veñen queren repetir en ocasión sucesivas.
-¿A afluencia de turistas vai en función do tempo que faga?
-Si, isto é algo que teño comprobado. Os días de sol a xente marcha para a praia, porén cando fai algo de mal tempo hai máis afluencia.
-¿Seguirá participando nesta iniciativa?
-A miña intención é esa, pero non depende de min.