«Cando me entregou o trofeo o Rei eu estaba noutro mundo»

Paula Souto RIBEIRA/ LA VOZ

BARBANZA

13 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pasaron máis de 25 anos dende que Francisco González deixase Carreira para marchar aos xuvenís do Deportivo: «Ao primeiro foi difícil. Cando estaba no Carreira concentrabámonos unha horiña o venres e xogábamos o domingo. Cando cheguei a A Coruña adestrabámonos practicamente tódolos días». Tras pasar polo Fabril, en 1988 debutou co primeiro equipo, que nese momento militaba na Segunda División. No 1991, o Deportivo subiu a primeira da man de Arsenio Iglesias: «Con el sentíame moi a gusto. Como era o máis novo sempre me tratou como o neno do equipo». E así é como moitos o coñecen: O Neno ou Fran o do Dépor.

Dende pequeno tivo un ídolo: Johan Cruyff, quen na década de 1990 tentara fichalo para o Barcelona. O Real Madrid foi outro dos clubs que o pretendeu, pero por unhas cousas ou por outras, Fran continuou a súa carreira no Deportivo. Nunca pensara en ser xogador profesional de fútbol: «Non é como agora que lle preguntas aos nenos e dinche que queren ser futbolistas, daquela facíalo por divertimento».

E dende logo, Fran González nunca foi consciente da repercusión mediática que lograron espertar con aquel Superdepor nin co Eurodepor do que el formou parte.

Seu irmán

Non esquece como chegou ao club no que estivo toda a súa traxectoria futbolística: «Meu irmán, José Ramón, fora dous anos antes e faloulles de que eu xogaba moi ben ao fútbol». Sempre estiveron moi unidos: «Foi o punto de apoio máis importante que tiven. Tirábame das orellas, dicíame que tiñamos que adestrar. Cando todos se ían de vacacións por aí nós viñamos para Carreira e adestrábamos. Era a nosa gran oportunidade e non queríamos perdela».

Despois de traballar todo o verán chegaban á pretempada con un nivel moi superior ao dos seus compañeiros. A dedicación tivo a súa recompensa: o Dépor subiu a Primeira División e gañou 2 Copas del Rey, 1 Liga e 3 Supercopas de España, «poucos títulos para o equipo que tiñamos». A nivel persoal, Fran foi escollido mellor xogador español na tempada 1992-1993 polos seus compañeiros.

De todos os títulos, recorda con especial cariño a Copa del Rey do 95, na que portaba o brazalete de capitán, e a Liga: «Cando quedan 5 ou 10 minutos para rematar empezas a pensar como é posible estar aquí. Son cousas que non as acabas de crer. Nos últimos minutos empezas a acercarte aos vestiarios porque sabes a invasión que vai haber no campo». Pero se algo recorda como irrepetible é a Copa del Rey do 2002, coñecida como o centenariazo: «Estaba todo preparado para o Madrid, parecía que nós lle íamos aplaudir a súa vitoria. Era impensable crer que nós gañaríamos. No 1995 meu irmán fora o que alzara a copa, e se dende o campo xa me impresionou, imaxínate, cando o Rei me entregou o trofeo estaba noutro mundo, nin oía o que me dicían».

A pesar de que aínda lle quedaban uns anos de fútbol, no 2005 deixou de ser profesional. Agora, entre outras cousas, compite nos veteranos do Deportivo e coida dos seus fillos. Dende a Pedra da Rá recorda a súa infancia: «Viñamos de pequenos coas bicis, era toda unha aventura. Isto estaba cheo de árbores e non había estrada nin nada. Mira, dende aquí pódese ver o campo do Carreira».

42

Ex xogador do Deportivo

Recuncho

A Pedra da Rá en Carreira: «Vir aquí cando éramos pequenos era roda unha aventura»