Velas vir

La Voz

BARBANZA

25 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ultimamente, cada vez que leo a prensa, recordo un famoso lapso de Franco: «Españois, estamos ao borde do abismo pero non debemos preocuparnos, daremos un paso adiante». Angela Merkel repite a cotío esas palabras. Europeos... Pero no seu caso non é un lapso. Sente realmente a atracción do abismo.

Eu, por se acaso, vou a clases de chinés. E non só porque «sabe chino» sexa unha expresión admirativa senón porque lin que a duración media dun imperio é de 250 anos. EE. UU. está a caer e xa sabemos cal será o próximo. Por riba, o chinés é máis fácil do que parece. E a profesora ten as virtudes que os occidentais lles atribuímos aos chineses. Humilde, discreta, laboriosa. E ten un método que me encanta. Para que aprenda tamén a mentalidade chinesa, faime traducir frases sobre temas actuais.

Un día que desmantelaron un taller téxtil chinés en Negreira onde traballaban como escravos ducias de chineses, traducín: «Enriquecerse é glorioso». O día que inauguraron a presa das Tres Gargantas: «É igual que o gato sexa branco ou negro, o importante é que cace ratos». O día que se conmemoraba o vixésimo aniversario da matanza de Tiananmen: «Se abres a ventá, co aire fresco entran as moscas». O día que se publicou que China era o país onde máis aumentaban os multimillonarios: «En China, quen practica ben o capitalismo enriquécese pero quen fala ben del é fusilado».

Todas as frases, segundo me dixo, eran do seu admirado Deng Xiaoping, o dirixente comunista que liberalizou a economía e propiciou o enorme crecemento do país. Por certo. Un crecemento baseado en dous sistemas económicos para nós irreconciliables, capitalismo e comunismo, e unha relixión, o confucionismo, que non é unha relixión exactamente.

Como diría Winston Churchill: «China é unha adiviña envolta nun misterio dentro dun enigma». Unha frase que a Deng Xiaoping lle parecería, por abstracta e complexa, demasiado europea. El prefería as frases claras e directas. Era chinés pero, sobre todo, sabía chino.