O lugar de Loimar (situado en Bealo, no concello de Boiro) explícase como un topónimo de base antroponímica formado a partir do nome persoal xermánico Leodemarus en caso xenitivo. Por tanto, proviría dunha hipotética secuencia *Lodemaria (Villa) onde o referente extralingüístico denotado ao que fai referencia o segundo elemento Villa non sobreviviu.
Chegariamos á solución actual a través dunha variante *Lodemari, a cal sufriu a caída do -D- intervocálico, de onde *Loemar > Loimar por glidización da segunda vogal en contacto, formándose así o ditongo.
En Portugal existen dúas variantes diverxentes procedentes do mesmo étimo que xerou o galego Loimar: Lomar (Braga) e Loumar (Viana do Castelo). A primeira delas, Lomar, parece confirmar a hipótese etimolóxica que vimos de expoñer ao rexistrarmos atestacións medievais como Leomar (1062) e Lodomar (1092).